A concelleira de Servizos sociais, María Rozas, compareceu este mércores en rolda de prensa para negar a responsabilidade do Concello de Santiago sobre o impago comunicado pola adxudicataria do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) na tardiña do martes ás traballadoras. Para a edil, a actitude de SIAD24-Asistenzia é «irresponsable e inaceptable» e asegura que a prioridade do goberno local son as persoas usuarias e as traballadoras do servizo, «non o enriquecemento das empresas».
«O Concello está ao día no pagamento das facturas a SIAD24-Asistenzia», afirmou rotunda Rozas, que explicou tamén que en Raxoi non se ten coñecemento oficial do asunto, senón que foron as traballadoras as que comunicaron a mensaxe da empresa en relación a non pagar a nómina de setembro responsabilizando ao goberno local.
«Esta xustificación non é verdade», asegurou Rozas, que explicou non só que o Concello está ao corrente dos pagos, senón tamén que a adxudicataria «non rexistrou a factura de agosto até o 17 de setembro», momento a partir do cal Raxoi puido aboar ao banco a cantidade requirida. «O contrato di que a empresa debe emitir a factura nos 10 primeiros días hábiles do mes seguinte», recalcou.
Neste contexto, María Rozas aproveitou para responder ao líder do PP local, Borja Verea, que reclamaba do Concello información sobre que está a facer na defensa das traballadoras. «O Concello está actuando dende o primeiro momento, dende a finalización dos dous anoa de contrato o 24 de maio e a prórroga por 5 meses», sen esgotar o ano que contemplan os pregos.
As traballadoras do SAF nunha protesta plas rúas de Santiago / Redes Sociais
Expediente sancionador
A edil de Servizos sociais fixo referencia ao anterior impago da empresa ás traballadoras, neste caso a paga extraordinaria de xuño. Rozas explicou que seguindo o que recolle o contrato, dous meses despois deste impago (o 15 de agosto), o Concello de Santiago emitiu expediente sancionador por valor de 5.000 euros. O pasado día 24 rematou o prazo de alegacións e o goberno local agarda que a sanción poida ser aprobada na seguinte xunta de goberno local.
«Entendo que ás traballadoras estas medidas lles parezan insuficientes, pero son os instrumentos que nos dá a lei», lamentou María Rozas que tamén lle afeou a SIAD24-Asistenzia que «facfura millóns, as súas contas son públicas. É inaceptable que non pague«.
A primeira tenenta de alcaldesa anunciou que nos próximos días continuarán as xuntanzas con traballadoras, comité e empresa, como viña sendo até agora mais tamén indicou que Raxoi vai estudar outras vías máis alá da sanción, en referencia a recorrer á vía xudicial.
Máis orzamento para mellorar o servizo
María Rozas aproveitou a súa comparecencia para criticar «a quen fala de prórroga forzosa» e aclarar que ésta está comtemplada nos pregos e pese a todo o novo contrato xa está en licitación.
«O contrato asinado en 2023 por 6,3 millóns de euros recolle unha duración de dous anos máis un de prórroga», aclarou a concelleira para aclarar que unha vez vencidos, o 24 de maio, os dous primeiros ano a prórroga só se fixo por cinco meses máis. «Estamos en dous anos e tres meses», aclarou «e cun novo contrato en licitación, cun incremento orzamentario do 14%», chegando aos 7,2 millóns. Neste punto, María Rozas insistiu en que a suba no presuposto dispoñible para o SAF «non se fai para o enriquecemento dunha empresa, senón para garantir as mellores condicións do servizo e as mellores condicións laborais«.












