O acordo acadado polo sindicato UGT, a Confederación de Empresarios de Galicia e a Xunta para abordar o absentismo laboral ten un enorme valor. Un acordo que é equilibrado, multidimensional e ambicioso, aínda recoñecendo que hai cuestións moi relevantes que só se poderían resolver a escala estatal. Nun momento no que semella que estamos condenados á parálise e á polarización, no que solo valen as palabras grosas e as solucións simples, extremas e máxicas, en Galicia fomos quen de poñernos de acordo sobre un asunto moi relevante e nada doado.
Vaia por diante que levo un par de anos incidindo na necesidade de actuar nesta fronte e que mesmo participei nos estudos preliminares do acordo. Eu era optimista, pola capacidade e visión das persoas que estaban sentadas na mesa negociando; e porque os galegos estamos dotados dunha capacidade especial para dicir as cousas e atopar fórmulas para achegar posturas. É o noso xeito de ser. Por iso puidemos facer o que non se ten acadado no resto de España. Cabe agardar que os demais analicen o acadado e tenten emularnos nun futuro inmediato.
Fagamos reconto sintético. As ausencias laborais en España e Galicia aumentaron moitísimo nos últimos anos. E unha parte deste absentismo non a queremos como sociedade. Non queremos baixas causadas por accidentes ou por contornas laborais negativas.
Tampouco queremos baixas por mor de atrasos na atención médica ou disfuncións administrativas; nin queremos que a xente abuse de dereitos lexítimos e tan relevantes como o que nos protexe aos traballadores ante a enfermidade. A realidade é que non temos estatísticas para cuantificar con precisión o peso das diferentes causas nesa parte do absentismo que non queremos. Por iso, temos que tratar todos os vectores; e facelo de xeito respectuoso con todos e construtivamente.
A solución só podía pasar polo diálogo social. Ese diálogo e negociación dos axentes sociais que tan ben teñen funcionado en España e en Galicia nos últimos 50 anos, e que permitiron resolver asuntos, de entrada, irresolubles. En tempos políticos tan revoltos, xera confort e esperanza que os nosos axentes sociais e o noso goberno sexan quen de construír colectivamente en beneficio de todos. n
Suscríbete para seguir leyendo













