O alcalde de Ames, Blas García, presentou este martes no Pazo da Peregrina a primeira edición da xornada A diversidade no emprego, orientada a empresas e veciñanza co obxectivo de poñer en valor as persoas con discapacidade no mundo laboral e empresarial.
O evento celebrarase o vindeiro venres, 22 de maio, na casa da cultura do Milladoiro, e acollerá numerosas empresas do concello e da contorna. Todo o transcurso do evento será retransmitido por streaming. As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente.
No acto participaron tamén as concelleiras de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e de Benestar Social, Uxía García; o presidente de Cegasal, Mino Martínez; a presidenta da Faxpg, María Alonso Mesía; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; o presidente de Down Compostela, Juan Jesús Martínez; e a directora rexional de Inserta, Beatriz Gallego.
Deste xeito, o Concello de Ames convértese en pioneiro na organización dunha xornada na que entidades, persoas con discapacidade, empresas e veciñanza en xeral poderán compartir un espazo de conversa e de transmisión de información, recursos e experiencias que poidan axudar as empresas a incorporar políticas inclusivas e a dar a coñecer as oportunidades asociadas á contratación de persoas con diferentes capacidades.
O alcalde dixo que “hai que apostar pola integración laboral das persoas con diversidade. O Concello de Ames leva moito tempo apostando pola inclusión laboral deste colectivo e forma parte das nosas políticas sociais. O máis importante de traballar cos centros especiais de emprego é que favorecemos o desenvolvemento dunha política social e inclusiva».
O rexedor engadiu que «ao mesmo tempo potenciamos a nosa economía local e de proximidade. A través desta xornada coñeceremos a experiencia de diferentes entidades e casos reais de persoas con discapacidade que lograron a súa integración no mercado laboral”.
Pola súa banda, Ana Belén Paz destacou o valor “dos traballadores e traballadoras con discapacidade, que desenvolven a súa ocupación como calquera outro empregado”.
Tamén louvou a iniciativa a Uxía García, quen confesou que “estas xornadas melloran a autoestima e autonomía das persoas”. A concelleira sinalou que “as empresas, en xeral, descoñecen o significado de ter unha persoa con discapacidade no seu cadro de persoal” e que “esta é unha oportunidade para coñecer entidades e formas de traballo, e poder iniciar unha vida laboral satisfactoria”.
Mino Martínez destacou o importante papel de Ames neste eido, o cal considera “un espello no que se deberían mirar o resto de concellos, xa que vai moito máis alá da cota de contratación. Ames cre realmente no que achegan as posibilidades de contratación reservada”.
Beatriz Gallego puxo en valor que “as entidades do movemento asociativo traballen cóbado con cóbado entre elas e coa administración pública para poder potenciar o emprego inclusivo das persoas con discapacidade”.
María Alonso mencionou o “absoluto pracer” que lle supón á entidade participar nesta xornada, xa que considera que “é un paso moi grande e un exemplo que debe tomarse no resto de concellos co obxectivo de dar visibilidade á discapacidade e que de seguro dará moitos froitos”.
Para Anxo Queiruga, esta xornada tamén servirá para “ir rachando cos estereotipos que envolven as persoas con discapacidade, para quenes o emprego vai máis alá da inclusión laboral, establecéndose como un complemento para a inclusión social”.
Juan Jesús Martínez quixo incidir na importancia da organización para lograr as cousas: “Todos xuntos sempre chegaremos máis lonxe, aínda que moitas veces teñamos que ir máis lento”, sinalou. Para Martínez, “o emprego é o que nos permite ser persoas autónomas e independentes dentro das nosas posibilidades”.
Programación
A xornada comezará ás 09.45 horas coa recepción institucional de todas as persoas asistentes. Logo comezará unha conversa coas entidades colaboradoras no evento: Down Compostela, Cogami, Fundación ONCE-Inserta, Cegasal, Faxpg e o Concello de Ames. Os participantes achegarán información, recursos e experiencias enriquecedoras que poidan axudar as empresas a incorporar políticas inclusivas, así como dar a coñecer as oportunidades á contratación de persoas con diferentes capacidades.
No transcurso da xornada emitirase un vídeo no que participaron traballadores con discapacidade, a maior parte deles veciños de Ames. Na elaboración deste vídeo colaboraron Milongas Bertamiráns, Limpiezas Salgado, A- Emotional light, Tecidos Tolemia, Clun, Burguer King Cancelas, Cogami, Coregal, Ilunion Testilcare, Dixardin e Combina Social.
Ao redor das 11.15 horas será a quenda de escoitar os verdadeiros protagonistas, as persoas: traballadores e directivos de empresas compartirán as súas experiencias e casos reais do mundo laboral e empresarial desde a óptica da discapacidade.












