O Concello de Noia vén de sacar a licitación a obra de dotación de subministración dos servizos de electricidade, auga e saneamentodo ao albergue da Chaínza, unha actuación fundamental para permitir a súa apertura. Esta intervención contará cun investimento de 44.000 € de fondos europeos.
«Grazas a estas obras o albergue poderá estar plenamente operativo previsiblemente para a próxima Semana Santa», explicou o alcalde noiés, Francisco Pérez.
O rexedor destacou a importancia desta actuación sinalando que «esperamos que teña unha dimensión turística importante, que permita atraer visitantes e consolidar a nosa oferta de aloxamento, especialmente en períodos de alta demanda como a Semana Santa.
O Goberno local considera que a posta en funcionamento do albergue da Chaínza «suporá un importante impulso para o sector turístico local, contribuíndo á dinamización económica e á promoción de Noia como destino atractivo tanto para peregrinos como para visitantes que escollen a vila para gozar do seu patrimonio, gastronomía e contorna natural».
O Concello destaca ademais «o papel clave dos fondos europeos para facer realidade esta infraestrutura, que permitirá poñer en valor un espazo que ata o de agora non podía desenvolver todo o seu potencial e ampliar os servizos dispoñibles no municipio».
O albergue será xestionado pola Fraternidad Internacional del Camino de Santiago. O aloxamento será de donativo, sen tarifas fixas, á vontade dos usuarios. n











