A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para a execución dunha nova senda peonil na estrada autonómica AC-424, en Corme, no concello coruñés de Ponteceso.
Os interesados poderán presentar as súas achegas a partir de mañá e contan de prazo para presentar as mesmas a este proxecto ata o vindeiro día 14 de marzo.
Plano da zona de actuación para construír a nova senda peonil en Corme. / Cedida
Esta intervención suporá un investimento de preto de 565.000 euros, ten como obxectivo continuar coa mellora da seguridade viaria e fomento da mobilidade sostible na AC-424, tendo en conta que esta nova senda conectará coas beirarrúas existentes en Corme Porto, e permitirá unir o Corme Aldea con Corme Porto, que é o núcleo urbano de referencia para a prestación de servizos.
Cómpre sinalar que a Xunta executou nesta mesma estrada en 2024, e tamén no concello de Ponteceso, o itinerario peonil no Couto, cun investimento final de máis de 361.000 euros.
A actuación, que conta cun prazo de execución de nove meses, permitirá executar un novo tramo da AC-424, entre os puntos quilométricos 6+630 e 7+530, o que permitirá garantir un itinerario peonil seguro entre os núcleos de poboación da contorna. Para executar este novo itinerario é preciso a expropiación de 22 predios neste municipio coruñés.
O proxecto
En concreto, proponse executar un tramo de senda peonil entre Corme Aldea e Corme Porto, pola marxe esquerda da estrada. A lonxitude total é de 685 metros, en cor terrizo, de algo máis de 2 metros de ancho, cunha nova beiravía de 0,50 metros en todo o percorrido, á que se lle engade unha cuneta previa á senda entre os puntos 6+728 e o 7+356.
Así mesmo, neste proxecto inclúese o deseño dun muro de contención de formigón armado tipo ménsula, para minimizar as afeccións a unha vivenda existente nas proximidades do punto quilométrico 7+120 da AC-424 na súa marxe esquerda, minimizando así as escavacións no noiro.
Finalmente, na intervención prevese a pavimentación das entradas e accesos que deberán atravesar a senda proxectada, así como as actuacións necesarias de drenaxe da senda. Tamén se inclúen a preinstalación dos servizos para as futuras redes de telecomunicacións e de abastecemento.
Esta nova senda é susceptible de contar con cofinanciación de fondos europeos FEDER 21/27.
Dez ofertas para construír dúas sendas en Laxe
Por outra banda, a Xunta informa que recibiu un total de 10 ofertas de empresas para a construción das obras das novas sendas peonís na estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe.
Trátase de construír dous novos tramos de sendas peonís: un primeiro que parte do núcleo de Castrelo uníndose coa senda xa executada en Serantes; e un segundo, que enlaza este núcleo co de Laxe. O investimento ascende a 1,1 M€.














