O concelleiro do Partido Popular, José Antonio Constenla, destacou «a importancia de impulsar a candidatura de Santiago á Rede de Cidades Creativas da Unesco no ámbito da Artesanía e das Artes Populares, unha iniciativa chamada a fortalecer a nosa proxección internacional e a poñer en valor un dos nosos grandes sinais de identidade».
«A iniciativa aprobada polo Pleno no 2024 a proposta do Partido Popular, nace do recoñecemento da rica tradición artesanal santiaguesa, cun papel especialmente destacado da ourivaría, unha actividade que forma parte da historia, da cultura e do carácter propio da cidade, xa que ademais do seu valor patrimonial, este sector representa unha oportunidade estratéxica para xerar novas dinámicas económicas, potenciar o talento local e abrir novas vías de promoción exterior», explicou.
O popular insistiu en que, «desafortunadamente dende esa data o goberno de BNG e CA nada teñen feito e parece que non consideran este eido como estratéxico para a cidade».
«Opotunidade única»
Constenla considerou que «este proxecto constitúe unha oportunidade única para situar á capital de Galicia nun espazo internacional de colaboración e intercambio de coñecemento, promovendo o desenvolvemento cultural e reforzando o atractivo da cidade como referente creativo». Neste sentido, o edil popular lembra «a importancia de avanzar na consolidación desta candidatura a través da colaboración entre administracións, entidades, profesionais e colectivos vinculados á artesanía e ás artes populares, sumando esforzos arredor dun obxectivo común que beneficie ao conxunto da cidade».
«O patrimonio e o talento artesanal de Santiago son un activo de enorme valor que merece unha maior visibilidade e proxección. Apostar pola súa promoción significa apostar por oportunidades, emprego, cultura e futuro para a cidade», sinalou o popular.
Finalmente, insistiu en que «Santiago conta con todos os ingredientes necesarios para optar a formar parte desta rede internacional: unha identidade propia consolidada, unha tradición artesanal recoñecida e un enorme potencial para converter a creatividade nun motor de crecemento e desenvolvemento para os próximos anos».













