Falar de Ramón Otero Pedrayo nun pequeno artigo de prensa como este é unha tarefa difícil, porque o labor de Otero é máis grande que o mundo, aínda que, ao tempo, estea tan pegado á pel de Galicia, aos pequenos detalles da vida na aldea, a esa combinación entre o espiritual e o físico, é dicir, esa mestura perfecta, case máxica, entre o emocional, o relixioso, o antropolóxico, o histórico e o xeográfico que el logrou como ninguén. Porque Pedrayo é quen mellor construíu unha concepción total de Galicia, o creador dunha imaxe completa (the whole picture, que din os anglosaxóns).
Escribo unhas horas antes de que se celebre en Trasalba a entrega do premio do mesmo nome, nesta emblemática ocasión (50 anos da morte do noso gran patriarca das letras), á un dos maiores especialistas na súa vida e obra, outro Ramón, Ramón Villares. Todo sucederá nese lugar fermosísimo, emocionante, coñecido como Cimadevila, desde o que se contempla a esencia da paisaxe de Galicia.
Pedrayo é Trasalba, a casa grande, como se denomina, unha casa de labranza que contén dalgunha maneira toda a historia nosa, coa súa varanda e a súa galería, precisamente deseñadas segundo a tradición aldeá. Como se sabe, foron concibidas por Castelao. Esta é a casa grande na que se plantou a árbore da cultura (quizais aquela desaparecida araucaria que terminou acompañando a Otero ao outro mundo) e onde medrou simbólicamente a natureza e a vexetación dun país, á calor do mapa de Domingo Fontán, que alí permanece vixiante. A esencia desa vella e nobre construción latexa en cada unha das liñas de Otero, e expándese gozosamente até abarcar todo o país, sobre a néboa, ou sobre o aire verdeazul da bocarribeira, unha viaxe vertixinosa na que se debuxa toda Galicia, un territorio crebado e verdescente, que desde o Barbantiño se achega ao Miño, o gran río da vida.
É grande a emoción de entrar nas estancias de Trasalba, onde Pedrayo está aínda tan presente. Neste Ano Oteriano, xustamente proclamado no 50 aniversario do seu pasamento, regresei ás súas xeografías, regresei, por suposto, á obras súas que admiro, como ‘Polos vieiros da saudade’, ‘Os camiños da vida’, ‘Arredor de si’… Todas en Galaxia, e na súa biblioteca Nós, como non podería ser doutra maneira. Trátase de clásicos dun valor extraordinario, que presentan de novo ese afán de totalidade, a pescuda do camiño cara á conciencia identitaria, na que agroma unha buscada redención na paisaxe e a lingua, da man do famoso alter ego, Adrián Solovio.
Neste aniversario da morte do gran patriarca, o gran interpretador do ser galego e do seu territorio, e nas horas que se cinguen á entrega do Premio Trasalba en tan emblemático lugar, quero citar aquí ese volume-homenaxe, tan ben ilustrado polo imprescindible Siro López, que Paco López-Barxas acaba de publicar en Teófilo Edicións. Moito se escribiu sobre Otero Pedrayo, máis aló da súa propia obra, e non son poucos os artigos sobre a súa participación en revistas, por exemplo, desde a propia Nós á Misión, dos que se extrae esa visión da paisaxe, en palabras de Olivia Rodríguez, como “la concepción itinerante del entramado de las parroquias gallegas”.
Pero, a pesar de todo o que se escribiu, e se está a escribir, sobre Otero, este libro de López-Barxas, á parte de estar magníficamente editado, conta coa pegada persoal do autor, ben definida, que é un gran coñecedor do Grupo Nós e, en particular, dalgunhas das súas figuras, como Ben-Cho-Shey. Ese coñecemento desborda os límites deste libro. Pero aquí atoparemos, nesa agarimosa primeira persoa (Pedrayo narra a súa vida e o seu ‘devalar’: non é esta unha palabra que define ben ao patriarca?). ‘Arredor de si, 50 anos despois’ é un libro cun gran sentido didáctico, como Barxas adoita facer, no que se debuxa toda a traxectoria do escritor ourensán (Barxas é tamén especialista en ‘os seus’ ourensáns preferidos), incluíndo as súas viaxes á América, a súa construción literaria, de Madrid á Ourense, a súa participación activa nos grandes fitos culturais (e políticos), a construción de empresas memorables como Nós, xunto aos grandes intelectuais que sempre lle acompañaron, de Risco a Cuevillas, de Castelao a Losada Diéguez, e tantos que non podemos nomear aquí, porque, en realidade, toda a nómina dos grandes construtores da identidade cultural e política de Galicia pasan e circulan, en diferentes etapas, xunto e arredor da aura xigantesca de Otero.
Non hai espazo para contar máis aquí, porque Otero é sen dúbida un escritor interminable, que supera calquera fronteira. O libro de López-Barxas está construído con grande intelixencia e, en non demasiadas páxinas, logra achegar ao lector a esencia da obra de Pedrayo (contada por el mesmo), o que outros moitos dixeron e din sobre el, ou os poetas que escribiron e escriben sobre a súa figura. E aquelas cartas con Ben-Cho-Shey. Ou con Manuel María. Ou con García-Sabell. Por suposto, a lendaria ‘peregrinación’, xunto a Risco e Ben-Cho-Shey, á San Andrés de Teixido é importante no texto de Barxas, pero o é para explicar a visión de Galicia e da paisaxe de Otero Pedrayo. Inesquecible. Eu, desde o meu lado tan atlántico, non esquecerei que Otero foi o primeiro tradutor dunhas páxinas de ‘Ulises’ de Joyce ao galego, e a calquera lingua peninsular, en 1926. Tamén inesquecible. Realmente este si foi un home para todas as estacións.












