Cee consolídase como un destino turístico con identidade propia na Costa da Morte. A alcaldesa, Margot Lamela, destaca «o orgullo e a emoción» de ver como o concello pasou de ser «a capital de servizos da Costa da Morte» a converterse nun lugar «para quedar, para sentir e para vivir».
A súa posición no Camiño de Santiago a Fisterra é unha das súas grandes fortalezas. É «a primeira ventá ao mar» para o peregrino e «a auténtica porta ao fin do mundo», con parada obrigada no Santuario da Virxe da Xunqueira.
O municipio reúne propostas moi diversas: o último reduto baleeiro de Europa en Caneliñas, o Monte da Peneda, o miradoiro de Gures, a Senda do Litoral por Brens e Ameixenda ou Lires, coa súa ría, considerada a máis pequena de Galicia. A isto súmanse praias como Estorde, Gures, Ameixenda e Lires, o Mar de Ardora e o recoñecemento como destino Starlight.
Lamela salienta tamén o patrimonio cultural, co Museo Fernando Blanco, a zona antiga, Toba e os seus muíños tradicionais. Integrado na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, o concello conta cunha marca que resume a súa esencia: ‘Cee, moi preto, moi teu’.











