A serie coplen despídese ás 18 horas, na súa segunda volta ao Salón Teatro, do público compostelán. Aqueles que aínda non gozaran en 2025 nin agora desta peza de Pablo Reboleiro e Clara Gayo poden aínda tentar de conseguir entradas para unha función que conxuga acrobacias, aéreos, danza e clown da man de Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.
Pero non é esta a única opción de lecer para pasar o domingo en Santiago: artesanía, festival de cultura urbana no Campus Sur, exposicións e concertos completan a axenda cultura compostelá.
Os oficios reclaman o seu protagonismo en ‘Artesanamente’ / cedida
Artesanamente e Compostela Street, última oportunidade
Na xornada de hoxe finalizan as últimas edicións de ‘Artesanamente’ e do festival ‘Compostela Street’. O primeiro encontro coa creatividade e co produto artesán desenvólvese na sede de Afundación, na Rúa do Vilar (de balde de 11 a 14.30 e de 16 a 21 horas). Un mercado de proximidade que iniciou o pasado venres co propósito de dar visibilidade ao talento dos artesáns locais e «achegar os seus produtos a un público que valora ó auténtico, o sostible».
Non lonxe de alí e incluído tamén na programación do BenvidaUSC, desenvólvese no Campus Sur o ‘Compostela Street’, que despide esta segunda edición co Campionato Internacional de Freestyle Football, disciplina centrada no control corporal, as transicións, a creatividade e o ritmo co balón. E tamén se disputa a final da Liga Xunta de Galicia de Break. E todo iso coloreado pola exhibición de muralistas e graffiteiros ao vivo, na que participarán Pow One, Asten, O Ras,Yoe 33 e Doctoy.

Imaxe da mostra de Alejandra Pombo Su que se expón na Granell / cedida
Música para amenizar a hora do vermú e mais a da merenda
Compostela conta, afortunandamente aínda, cuns cantos lugares nos que gozar da música ao vivo. Para os que prefiran amenizar así o domingo hai dúas oportunidades: a de cedo e a de tarde. Ás 12.30 horas o ritmo comeza na Sala Riquela da man de Moa Dixie Band, unha banda de swing que acompaña de balde o vermú dominical.
E ás 19.30, desta volta con entrada inversa, a música vai para A Gramola da man de Tabernarias e a música de raíz sudamericana. Boleros, tantos, rancheiras… nun concerto no que as Tabernarias van estar acompañadas polo actor Roberto Leal.
De paseo polos museos
Para os que prefiren as artes plásticas tamén hai axenda este domingo, dende o Museo do Pobo ou a Casa do Cabido ao Museo Granell. O claustro alto do Museo do Pobo Galego acolle a exposición Rafael Baltar. Testemuña dun tempo. Unha mostra comisariada por Paula Franjo e Sandra González, que propón un percorrido por algúns dos momentos chave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar (1933-2004).
No centro histórico, na Casa do Cabido, segue activa A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista. Unha exposición que permite descubrir a transformación urbanística e arquitectónica de Santiago nas primeiras décadas do século XX e incorpora unha recreación en 3D do proxecto que Antonio Palacios diseñou para unir a Porta Faxeira coa Praza do Obradoiro.
Non lonxe de alí, no Toural, o Museo Granell acolle a mostra de Alejandra Pombo Su, O que me mira rodeándome. Debuxos, esculturas, cine e performance nunha mesma constelación que non segue unha orde cronolóxica na arte desta creadora compostelá.














