Ulises tapa o oído dun dos seus compañeiros para protexelo do canto mortal das sereas. É unha das escenas representadas na chamada Columna de Ulises da Catedral de Santiago, pero o seu significado vai moito máis alá da narración da Odisea. A peza románica de mármore foi concibida como unha reinterpretación cristiá da historia do heroe grego e da súa viaxe, vinculándoa coa experiencia dos peregrinos que chegaban a Compostela.
Esta é a nova interpretación que presenta Francisco Prado-Vilar, profesor da Universidade de Santiago e investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), nunha investigación publicada en Románico Digital. O estudo reconstrúe as fontes literarias e iconográficas empregadas polo obradoiro compostelán do século XII e permite comprender a columna como unha reelaboración cristiá da Odisea, creada para relacionar a viaxe do heroe grego coa experiencia dos peregrinos que chegaban a Santiago.
A presenza de Ulises na fachada da Catedral non respondía a unha ilustración literal do poema de Homero. Na tradición medieval, o heroe podía ser interpretado como omnium peregrinus, «o viaxeiro que atravesa un mundo de perigos e seducións sen perder de vista o regreso á súa verdadeira patria», explica Prado-Vilar. A súa travesía convertíase así nunha «imaxe da condición espiritual do peregrino e podía poñerse en relación coa propia viaxe atlántica do Apóstolo ata Compostela».
Na banda central represéntase o paso de Ulises ante as sereas, pero o escultor abandona a fórmula habitual do heroe atado ao mastro. A escena concentra o seu significado nun xesto no que Ulises rodea a cabeza dun dos seus compañeiros e lle tapa o oído para protexelo do canto mortal.
A cera, identificada pola tradición cristiá cos Evanxeos, convértese no instrumento que permite resistir as voces enganadoras. Ao redor dos navegantes aparecen diferentes tipos de sereas e unha figura con trazos de Escila, vinculada na interpretación moral medieval á violencia do desexo. A escena dialogaba, ademais, coa figura do rei David da antiga fachada, que vencía coa súa música outra serea.
A principal novidade: o episodio de Circe
A principal novidade do estudo é a identificación do episodio de Circe no rexistro superior. Nel, un guerreiro e o seu cabalo caído aparecen acosados por aves, animais e seres híbridos arredor dunha figura feminina.
A comparación con textos de Isidoro de Sevilla e Boecio e con manuscritos do século XII permite interpretar a escena como unha representación do poder das paixóns para degradar a natureza humana.
«O escultor converteu a fuxida de Ulises do dominio de Circe nun combate protagonizado por un cabaleiro medieval e inspirado tamén en modelos procedentes de sarcófagos romanos», sinala Francisco Prado-Vilar.
A disposición helicoidal dos relevos forma parte tamén do significado da obra. A persoa espectadora debe rodear a columna e seguir coa mirada unha narración que ascende desde a nave situada na base ata as escenas de tentación, metamorfose e combate.
Este percorrido materializa o carácter polytropos de Ulises, o home das múltiples voltas e transformacións, e activa unha experiencia que implica a vista, o tacto, o son e o movemento do propio espectador.
Un xemelgo dixital para percorrer a peza
A investigación complétase con A Odisea Atlántica. Unha viaxe audiovisual pola Columna de Ulises da Catedral de Santiago, un vídeo-ensaio creado a partir dun xemelgo dixital da peza. O modelo foi xerado mediante fotogrametría a partir de numerosas imaxes de alta resolución e posteriormente procesado e optimizado por Alexandre González Rivas no laboratorio multidisciplinar KosmoTech_1200, baixo a dirección científica de Prado-Vilar.
A virtualización permite controlar a iluminación, os movementos da cámara e a relación da escultura co espazo, liberándoa da contemplación estática que condiciona a súa localización actual no Museo da Catedral.
«O vídeo transforma a exploración da columna nunha navegación», explica o investigador. A cámara atravesa a auga e percorre o curso helicoidal dos relevos desde a embarcación situada na base ata as sereas, as metamorfoses asociadas a Circe e o rexistro superior. As ondulacións do mármore convértense en ondas das que emerxen corpos, animais e criaturas monstruosas, recuperando a poética da metamorfose e a dimensión inmersiva da obra.














