O impulso á bioeconomía na eurorrexión Galicia–Norte de Portugal centrou este mércores a xornada de lanzamento do proxecto BioTransfer_GNP, liderado polo centro de investigación ECOBAS e celebrada no Biopolo da Sionlla. A xornada serviu para reforzar a conexión entre ciencia e empresa e favorecer o intercambio entre os principais axentes do sector. O encontro reuniu máis de medio centenar de representantes clave da bioeconomía, que compartiron información estratéxica para o desenvolvemento e futuro do sector na eurorrexión.
Trátase dunha iniciativa financiada pola Unión Europea a través do programa POCTEP, cun orzamento superior ao millón de euros e cun horizonte de execución ata finais de 2027, na que participan as tres universidades públicas galegas e outras entidades de Galicia e Portugal.
A iniciativa, que ten como investigador principal a Rubén Lado Sestayo, buscará integrar a biotecnoloxía e a economía circular e xerar un ecosistema que permita avanzar cara a modelos produtivos máis sostibles. A valorización dos recursos endóxenos da eurorrexión e a conexión entre os centros de coñecemento e o tecido produtivo, con foco nas pemes, startups e spin-offs, son prioridades neste proceso que os promotores cualifican de “transformador”.
Rubén Lado é o investigador principal do proxecto. / ECOBAS
Como cabeza visible do consorcio, “ECOBAS exercerá un papel determinante para poñer a disposición do tecido empresarial o coñecemento científico preciso”, indicou na presentación a directora científica do centro interuniversitario, María Loureiro. “Para nós é unha gran responsabilidade e tamén unha gran oportunidade. O liderado deste proxecto pon de manifesto o valor diferencial que ofrecemos: coñecemento científico para xerar crecemento económico e desenvolvemento social, co máximo coidado da nosa contorna, e axudando ás empresas a seren máis competitivas e máis sostibles”, afirmou.
Este primeiro encontro BioTransfer_GNP, segundo sinalou a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido, “é moito máis que un evento de lanzamento; este foro é un instrumento en si mesmo, a mostra de que a través da cooperación real e efectiva estades a actuar xa como motor de innovación socioeconómica”.
Pola súa banda, como axente dinamizador deste ecosistema, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a intensa cooperación entre Galicia e Norte de Portugal en proxectos de I+D+i coma este, e subliñou a contribución do BioTransfer_GNP para impulsar a transferencia de coñecemento nun eido estratéxico para Galicia como é a biotecnoloxía, na que se está a traballar conxuntamente a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o propio sector.
Un paquete de accións para potenciar a bioeconomía na eurorrexión
O consorcio responsable do BioTransfer_GNP concentrará os seus esforzos en identificar, poñer en valor e canalizar as capacidades do tecido empresarial na eurorrexión, aportando claras vantaxes competitivas ás empresas do sector.
Así, se encargará da creación da rede de Cooperación Transfronteiriza BioCircular; desenvolverá unha plataforma de conexión entre oferta e demanda de solucións bioeconómicas e unha carteira de proxectos aliñados coa estratexia de especialización intelixente. A atracción de talento, a formación, a captación de financiamento e mellora de acceso a mercados exteriores actuarán como eixos transversais das accións contempladas no proxecto.
Un mapa de recursos para a economía circular, que permita identificar residuos e subprodutos con potencial de valorización; unha guía legal con directrices para a circularidade dos materiais e actividades de formación e mentorizaxe para as pemes e os axentes da bioeconomía, completan os servizos previstos ao longo da vida deste proxecto.
Que entidades integran o consorcio?
Xunto ás tres universidades galegas, integradas en ECOBAS, o consorcio responsable de levar adiante o proxecto conta cos socios clave do tecido empresarial da eurorrexión a través da participación do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida-BIOGA e da Associaçao Portuguesa de Bioindústria (APBIO). Da parte dos axentes dinamizadores da I+D, o BioTransfer_GNP conta coa participación da Xunta de Galicia, o Instituto Politécnico de Bragança, o Instituto Politécnico do Porto e o CVR-Centro para a Valorizaçao de Residuos.













