O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo (Rianxo en Común) e o portavoz municipal do PSOE, Óscar Rial, mantiveron esta semana unha reunión de traballo para abrir «un espazo de diálogo directo» en materia de seguridade cidadá, segundo sinalou o edil socialista.
Na reunión participou tamén o xefe da Policía Local. «Foi un encontro cordial e construtivo no que se abordaron cuestións que preocupan á veciñanza e se trasladaron diversas propostas de
mellora», explica Rial, quen destaca «o ton respectuoso do encontro».
«Confiamos en que esta reunión sexa a primeira dunha dinámica de traballo máis frecuente e planificada no tempo», engadiu.
O PSOE plantexou a necesidade de incrementar a presenza policial no rural e a vixilancia en zonas de ocio infantil e espazos públicos concorridos, así como de «reforzar a cercanía cos veciños e veciñas, potenciando o labor preventivo» e prestar atención específica aos párkings municipais.
Os socialistas propuxeron tamén unha «actuación firme contra o trapicheo e intervencións urxentes nas zonas infantís, veciñais e espazos públicos onde se están producindo estas situacións».
Asimesmo, solicitaron «que se traballe nun sistema de minoración da velocidade en Campo de Pazos para reforzar a seguridade viaria».
Respecto á sinistralidade na autovía do Barbanza, Rial dixo que «segundo se nos indicou, a Xunta de Galicia iniciará no mes de marzo o cambio de firme en toda a vía, incluído o tramo de Rianxo. Agardamos que esta actuación contribúa a corrixir as causas que puideron estar detrás dos sinistros e mellore as condicións de seguridade».
Finalmente, respecto da reunión co alcalde, Rial dixo que «con comunicación, coordinación e vontade política é como se constrúe un mellor funcionamento municipal, e é nese camiño no que queremos seguir avanzando».













