A Xunta de Galicia incrementará ata os 10,8 millóns de euros o convenio co Concello de Padrón para a ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), logo de que o Consello autorizará a modificación do contrato, engadindo 1,2 millóns de euros adicionais aos 9,5 millóns previstos inicialmente.
O incremento responde á aparición de diversas circunstancias que obrigaron a modificar o proxecto orixinal. Entre estas, destacan os desprendementos de rochas producidos durante os traballos previos de limpeza e escavación do noiro que delimita a plataforma da ETAP, o que obrigou a realizar tarefas de mantemento e estabilización do terreo. Ademais, o proxecto inclúe a reparación estrutural de vigas e piares nos depósitos de distribución e a reforma da liña de lodos, adaptándoa ás concentracións existentes.
Segundo explican dende Augas de Galicia, “o obxectivo desta actuación é ampliar a capacidade de tratamento da estación, pasando dos 450 litros por segundo actuais aos 610 l/s, un incremento do 40 % que beneficiará a nove concellos”. Estes municipios son Padrón, Dodro, Catoira, Valga, Ribeira, Pontecesures, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo, e permitirán dar servizo a unha poboación potencial de preto de 90.000 habitantes no ano horizonte 2044.
A ETAP de Padrón, localizada preto do núcleo de Casal, nas proximidades do río Ulla, está en funcionamento desde 1996, polo que resultaba necesario acometer a súa ampliación. A previsión é que as obras de mellora finalicen no primeiro trimestre de 2026.
Esta actuación forma parte da colaboración técnica e económica que Augas de Galicia mantén cos concellos, que son competentes en abastecemento, saneamento e depuración, coa finalidade de profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico de ríos e rías e mellorar a calidade dun servizo básico para a cidadanía.












