O Concello da Laracha abrirá o martes a oficina municipal de turismo nas instalacións da antiga reitoral de Caión, un espazo céntrico e emblemático da vila costeira. O servizo funcionará os luns en horario de tarde (15.00 a 18.00 h); do martes ao venres estará operativo pola mañá e pola tarde (de 10.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 h); e os sábados só pola mañá (de 10.00 a 14.00 h). Os domingos estará pechado.
Cartel promocional da oficina de turismo de Caión / Cedida
A oficina contará con persoal técnico especializado que proporcionará información sobre os principais recursos turísticos do concello da Laracha, así como doutros municipios de Bergantiños, da Costa da Morte e de Galicia en xeral.
Funcionará como punto de acollida e orientación para o visitante, e tamén como ferramenta para promover Caión como destino turístico de referencia pola súa riqueza patrimonial, natural e cultural, en especial durante o verán.
A través deste servizo os usuarios poderán coñecer en detalle a oferta local de praias, roteiros, festas, eventos, elementos do patrimonio histórico, establecementos hostaleiros e propostas de ocio.
Ademais da atención presencial, os interesados poden seguir a actualidade turística municipal a través das redes sociais oficiais e específicas nesa materia, dende os perfís de Facebook e Instagram.