O Concello de Boqueixón desenvolveu traballos de roza na totalidade das vías e estradas do municipio. Este éxito foi posible grazas a un dispositivo sen precedentes que permitiu o traballo simultáneo de 8 tractores.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, destaca o fito de que “por primeira vez, todo o concello de Boqueixón está ao 100% rozado e limpo antes do mes de agosto”, destacando que “deste xeito melloramos a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas e avanzamos na prevención de lumes en todas as parroquias”.
O municipio conta cunha superficie total de 73 quilómetros cadrados nos que se atopa unha extensa rede de máis de 250 quilómetros de pistas municipais que comunican os diferentes núcleos rurais. Os traballos comezaron polas parroquias de Codeso, Donas, Loureda, Gastrar, Pousada, Oural, Sucira e Ledesma, que quedaron limpos ao comezo do verán. As parroquias de Lestedo e Lamas recibiron os traballos de roza con dous tractores cada unha, mentres que os outros catro se reservaron para operar en Boqueixón e A Granxa.
Convenio para novo equipo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, asinaron un convenio de financiamento para a adquisición de novo equipamento profesional para a roza do municipio, cun investimento de 269.272 euros. A Deputación achegará o 80% e o resto será asumido polo Concello.
Ovidio Rodeiro explicou que esta nova maquinaria permitirá unha maior rapidez nos traballos de roza, ademais dun aumento da seguridade e da autonomía. Ademais, o novo equipamento reducirá os custos totais neste tipo de intervencións.















