A feira mariñeira e de artesanía Artemar regresa a Ribeira na súa décimo novena edición, do 13 ao 16 de agosto, con preto dun cento de postos de venda de produtos, ademais de espectáculos de animación nas rúas.
A concelleira de Turismo, Ana Barreiro, e á técnica municipal desta área, Sandra Fernández, presentaron unha programación que «contribuirá a dinamizar e animar o municipio a nivel turístico, ademais de dar un impulso económico local, ao crear sinerxías co tecido comercial e hostaleiro», dixo a edil.
Da montaxe da feira encargarase a empresa AMB La Fragua de Vulcano, especializada neste tipo de eventos e que, ademais, conta cunha subvención da Deputación da Coruña.
Os postos instalaranse na rúa de Galicia, nun treito da rúa Rosalía de Castro e na contorna da praza consistorial. Esas zonas estarán decoradas con temática mariñeira.
O Concello organizou un concurso de decoración de establecementos, no cal poderán participar todo os negocios da cidade sen necesidade de inscrición.
Os locais mellor valorados elixiranse por votación popular, acudindo á oficina de Turismo do Malecón e cubrindo unha papeleta cos datos.
Os tres establecementos mellor valorados recibirán un agasallo e sortearase outro entre todas as persoas que votaron.
No que ás actividades se refire, haberá un mínimo de tres horas de obradoiros infantís o xoves 13 e un mínimo de seis cada un dos días restantes, así como espectáculos nocturnos cada xornada.
Aos artesáns e empresas con domicilio fiscal en Ribeira aplicaráselles unha bonificación do 50% sobre o prezo xeral pola instalación do posto.
Artemar inaugurarase o xoves 13 ás 18.00 horas. O venres 14, o sábado 15 e o domingo 16 abrirá de 12.00 a 15.00 horas e dende as seis da tarde ata a medianoite, aínda que o peche podería prolongarse ata as dúas da madrugada.












