Magnum está de volta na Televisión de Galicia (TVG) catro décadas despois. A canle autonómica recupera así, a partir deste luns, unha das series máis icónicas da súa historia, a ficción policial que lanzou ao estrelato a Tom Selleck e que marcou os anos 80.
Imaxe da popular serie dos 80 ‘Magnum’. / TVG
‘Magnum’, de luns a venres na TVG catro décadas despois
Ofrecerase durante este verán de luns a venres a partir das 11.10 horas con dúas entregas diarias que narrarán as aventuras de Thomas Sullivan Magnum, un investigador privado que vive en Hawái co seu mordomo Higgins, un exmilitar co que se leva como o can e o gato, e que se dedica a resolver grandes casos coa axuda incondicional dos seus compañeiros Rick e TC, e mesmo de Higgins.
Estreada pola TVG en 1985, converteuse automaticamente nunha das series máis seguidas da canle pública galega polo gran traballo de tradución e adaptación dos diálogos, con moitas frases feitas e retranca local.
O seu regreso á grella da TVG únese á recuperación da serie Dallas, xa en emisión no late night de luns a venres.

Nova entrega do espazo ‘O Día da Romaría’, en Padrón, durante o Santiaguiño do Monte. / TVG
Santiaguiño do Monte desde Padrón
Así mesmo, este luns, ás 22.50 horas, a TVG emitirá unha nova entrega do espazo O Día da Romaría, que fará parada en Padrón para descubrir unha das súas celebracións máis queridas: o Santiaguiño do Monte.
Deste modo, os telespectadores poderán vivir desde dentro a tradición, a devoción e a troula que envolve o que din que é o santo máis parrandeiro de toda Galicia.














