O parque Irmáns Dios Mosquera de Valga acolleu este domingo a primeira edición da Festa da Caza e do Rural Galego, á que asistiron a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José María Bello Maneiro.
O rexedor amosouse “encantado” de que esta cita se celebre en Valga e “esperamos que siga celebrándose en anos vindeiros”, dixo. Ademais, desexoulle a todas as persoas chegadas dende outras localidades «que gocen do noso concello e de todas as actividades que forman parte do programa».
Exposicións de cans de caza e de aves de cetrería, un obradoiro de elaboración de moscas e demostracións de pesca, tiro con arco, un mercado de artesanía e produtos gastronómicos e unha degustación de carne de caza foron algunhas desas actividades.
O pregoeiro da festa foi Michel Coya, que cun “viva o rural” pediu «leis feitas por e para o rural, e non redactadas dende os despachos nas cidades».
Durante a mañá entregáronse os Premios Xuntos pola caza, un recoñecemento público a persoas e entidades que traballan pola defensa do rural e da actividade cinexética, así como na divulgación dos valores sociais e ambientais da caza.
O valgués Antonio Santiago Gregorio Tucho foi galardoado co premio Toda unha vida, pola súa traxectoria dedicada ao rural.
Os mozos Antía, Iván e Fran (premio Fervor cinexético), o pregoeiro Michel Coya (como cazador exemplar), a Supercopa Galicia Terra de Melide de rastro (evento cinexético galego), o Safari Club Internacional (entidade cinexética) e a conselleira Ángeles Vázquez (premio Defensa da caza) foron outros dos galardoados.
Ademais, o alcalde tamén recibiu un agasallo pola súa colaboración para que a festa saíra adiante.
Antes do xantar, realizouse unha ofreda floral a San Huberto, patrón dos cazadores, coa participación do párroco Arturo Lores. A imaxe foi trasladada dende a igrexa de San Miguel nunha procesión cabalar.










