A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou este xoves en Padrón as instalacións da empresa Cortizo, onde asegurou que “o futuro pasa pola construción industrializada das vivendas”.
Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, quixo poñer en valor a traxectoria de máis de 50 anos e o traballo deste grupo empresarial, do que destacou que está presente en moitas das obras de vivenda pública da Xunta a través do deseño, fabricación e distribución de sistemas de aluminio para arquitectura.
A conselleira subliñou a aposta da firma, en sintonía co pulo que está a darlles a Xunta, pola progresiva incorporación de sistemas de construción industrializada.
A este respecto, lembrou que na actualidade máis de mil das vivendas públicas que está a construír a Xunta en Galicia execútanse con estas técnicas e a Administración autonómica está a primar o seu uso nas licitacións públicas.
A conselleira recordou o convenio asinado pola Administración autonómica coa Fundación Galicia Constrúe para promover o uso destas técnicas, que entre outras vantaxes permiten acurtar tempos, “xa que os elementos como fachadas, fiestras ou pisos veñen executados de fábrica; permítenos innovar e mesmo ser máis sostibles”.
“O sector da construción estase a modernizar, froito do traballo, da investigación das nosas empresas que cada ano innovan e apostan por unha construción máis rápida, de máis calidade e máis sustentable. É un sinal de identidade máis da nosa Galicia Calidade”, engadiu.
Ao abeiro do citado convenio, a Xunta ten en marcha un plan de acción que inclúe un mapa de capacidades para identificar todas as empresas galegas que empregan técnicas de construción industrializada, “onde Galicia é punteira”, dixo, no uso de elementos como os prefabricados de formigón, estruturas metálicas, elementos modulares ou madeira estrutural.













