O Concello de Zas e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos recolleron máis de 1.200 recursos de reposición nos que se solicita a anulación do permiso de investigación mineira que afecta ao concello e, en concreto, ao núcleo de Fornelos. O obxectivo é trasladarlle á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia a oposición ao posible proxecto.
Parte destes recursos foron entregados no Rexistro Xeral da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña polo alcalde, Manuel Muíño, e a directiva da asociación veciñal Rocío Romar.
A veciñanza e o Concello consideran que o proxecto sería «prexudicial para o territorio, o medio ambiente e a calidade de vida da poboación».
Fronte común de Concello e veciñanza
Esta acción dá continuidade ao traballo iniciado tras a reunión informativa celebrada en Fornelos, na que Concello e asociación acordaron establecer unha fronte común ante a autorización concedida pola Xunta para a realización de traballos de investigación mineira.
Daquela, ambas entidades puxeron á disposición da cidadanía un modelo de recurso de reposición para facilitar a presentación de alegacións individuais contra esta resolución administrativa.
O Concello destaca a elevada participación veciñal nesta iniciativa e «agradécese a implicación das persoas que decidiron exercer o seu dereito a presentar recurso. A recollida de máis de 1.200 recursos é unha mostra clara do rexeitamento social que existe fronte a este proxecto e da preocupación que comparte a veciñanza polo futuro do noso territorio», subliñan dende o Concello.
Aproveitamento sostible dos recursos
Aseguran que «Fornelos e o conxunto do municipio de Zas teñen un enorme valor ambiental, paisaxístico e produtivo que se debe preservar. Estase a falar dun modelo de desenvolvemento baseado no sector agrogandeiro, no aproveitamento sostible dos recursos e na calidade de vida das persoas que viven aquí, e está claro que unha explotación mineira como esta é un atentado contra ese modelo de desenvolvemento».
Subliñan ademais que o permiso de investigación «non pode entenderse como un trámite menor, xa que supón o primeiro paso dun procedemento que podería desembocar nunha futura explotación mineira. Por iso, é fundamental trasladar ás administracións competentes a voz da veciñanza e defender con firmeza os intereses do concello e da asociación«.
Traballo coordinado
Tanto o Concello como a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos reiteran o seu compromiso de «continuar traballando de maneira coordinada para defender os intereses da veciñanza e promover todas aquelas accións que contribúan á protección do territorio e do seu futuro».










