Un cartel feito a man nun cruce de rúas, colas para entrar nun baixo e coches acumulados nas casas. Os furanchos, unha realidade que aparece nas zonas rurais de vilas galegas como Redondela, Mos ou Bueu. Avanza xuño e a tempada de furanchos vai rematando. Unha tradición marcada polos tempos do viño propia da provincia de Pontevedra. Os furanchos, tamén coñecidos como loureiros, son casas particulares onde os colleiteiros venden o seu excedente de viño, transformando baixos e patios privados en puntos de encontro.
Os tempos cambian e estes establecementos tamén. As tazas de viño multiplícanse e cada vez son menos os saúdos de mesa en mesa. «Aos furanchos ía a xente da zona de aquí, sobre todo os homes que ían tomar a taza cun pincho de chourizo, de tortilla ou mesmo con comida da casa, agora vén moita xente de fóra e da cidade», conta Concha Barros, unha veciña de Reboreda (Redondela) que leva máis de trinta anos pedindo algunha que outra cunca nos loureiros que se atopan preto da súa casa. «Agora tes que facer cola para atopar unha mesa, cambiou todo moito».
Esas colas mencionadas por Concha amosan o crecemento que adquiriron algúns furanchos. Hai os que seguen sendo un baixo con sete mesas e os que teñen centos de clientes esperando no portal. O 9 de febreiro deste ano, o Tribunal de Instancia de Vigo condenou ao furancho Adiós Vida de Redondela a unha multa de 45.000 euros por ter traballadores contratados de forma ilexítima. O xuíz recoñeceu toda unha estrutura laboral completa con uniformes, xerarquías e horarios que se afastan das prácticas familiares tradicionais.
«Aos furanchos ía a xente da zona de aquí, agora vén moita xente de fóra e da cidade»
Para Enrique Lago, presidente da Asociación de Empresarios de Redondela, a nostalxia furancheira ten un límite. El defende que a idea romántica do furancho tradicional pasou practicamente á historia. «Nos últimos anos transformouse nun local eventual de hostalaría. Polo tanto, ten que asumir que debe ter os mesmos principios e ordenanzas co sector hostaleiro». Ademais cuestiona o regulamento vixente, explicando que debería ser máis extensivo en termos sanitarios, de inspección de traballo e de control de Facenda. «Dende a asociación non buscamos o enfrontamento porque é un absurdo. O que hai é unha realidade hostaleira e furancheira que ten que adaptarse en igualdade»
Dende dentro, a visión é outra. Javi, o encargado do furancho Naranxeiro, leva anos dedicando a súa vida aos furanchos, primeiro axudando aos seus pais e dende hai tres anos xestionándoo el. Explica como moitos veciños deixaron os seus loureiros, principalmente por este conflito, sobre todo en Redondela onde as restricións municipais e as tensións cos hostaleiros son máis altas. Os gastos cada vez eran máis elevados, o medo crecía polas multas imposibles de asumir polas familias e as cargas de traballo no campo non se vían recompensadas.
Cola para acceder a un furancho na parroquia de Cedeira. / JOSÉ LORES
Para Javi, equiparar un furancho á hostalería é non entender as limitacións competitivas derivadas das restricións e da súa natureza familiar. «O problema principal é que se está metendo a todos no mesmo saco. Non podes comparar un furancho pequeno cun que move centos de persoas», di. Baixo o punto de vista de Javi, e o de moitos veciños coma el, a esencia dun furancho atópase nas conversas entre mesas. «A xente do furancho vén con outra alegría, aquí a xente vén sempre cun ambiente xenial. Eu o paso pipa, que río moito cos clientes», indica. É esa a atmosfera que dende o seu furancho busca reivindicar e conservar. «Ao final seguen sendo furanchos porque cumpren a normativa, pero o ambiente e a función social que tiñan antes cada vez están menos presentes».
«Aquí a xente vén sempre cun ambiente xenial. Eu o paso pipa, río moito cos clientes»
A popularidade crecente destes espazos non parece estar impulsada polo turismo masivo. Dende a oficina de Turismo de Redondela explican como o 95% de turistas que reciben son peregrinos e a maioría deles prefiren quedarse no centro urbano, aínda que algúns mostren curiosidade por esta tradición. O regulamento propio do concello prohibe a presenza de furanchos nas zonas urbanas, buscando manter o seu carácter labrego e local. O perfil de persoa que mostra máis interese por estes establecementos vén dos arredores e achégase a propósito para vivir esa experiencia.
A fama dos furanchos chega tamén ás redes sociais con iniciativas como a Guía Furanchín. Esta ventá dixital, que supera os 70.000 seguidores en Instragram, visibilizan os distintos furanchos por zonas, con horarios e reseñas nas súas redes sociais e páxinas web. Os seus organizadores explican como este proxecto parte da súa vontade de achegar o valor dos furanchos á xente nova e fomentar así o seu relevo xeracional. Deste modo, rompen a brecha dixital presente en moitos propietarios de furanchos e transmiten o seu gran valor cultural. «A mesa compartida, que só se poida beber viño e auga, que sexa só comida caseira. Que atopes un grupo de señores e señoras de 70 anos cantando e tocando a pandeireta…», apuntan.
Nunca se falou tanto dos furanchos coma nestes últimos anos. A súa popularidade causa crispacións á vez que se serven cuncas. Mentres tanto, seguen as aglomeracións de coches nas casas sinaladas cunha folla de loureiro.
Suscríbete para seguir leyendo














