A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais acolleu este venres o peche do proxecto internacional Roadmap to Circular Universities (R2CU), unha iniciativa financiada por EUniWell, a Universidade Europea para o Benestar, que sitúa a Universidade de Santiago no centro do debate europeo sobre sustentabilidade, economía circular e transformación ecolóxica dos campus universitarios.
A actividade constituíu o evento final dun ano de traballo colaborativo entre universidades europeas para avanzar cara a modelos de campus máis sostibles e circulares. O proxecto R2CU está dirixido pola catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira López e polo profesor Beltrán Puentes Cociña, investigadores do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e da Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social (Armela).
O equipo investigador está integrado por persoal académico, técnico e investigador de catro universidades europeas: ademais da USC, participan as universidades de Colonia, Birmingham e Murcia, configurando unha rede internacional de intercambio de boas prácticas sobre sustentabilidade universitaria.
A xornada buscou presentar os principais resultados do proxecto, centrado en analizar como aplicar os principios da economía circular no contexto universitario, tanto na xestión de recursos e residuos como nas políticas institucionais, a docencia e a implicación do estudantado. O obxectivo final é elaborar unha folla de ruta que sitúe ás universidades europeas como actores de referencia na transición circular.
Estratexias, casos de estudo e presentación dun proxecto europeo en Santiago
O encontro reuniu na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais especialistas das universidades participantes e tamén responsables destacados da xestión da sustentabilidade en institucións públicas e académicas. Así, a primeira sesión estivo dedicada ás estratexias institucionais para universidades circulares, coa participación de Gumersindo Feijóo Costa, director do CRETUS; Débora Domingo Calabuig, vicerreitora de Desenvolvemento Sostible do Campus da Universidade Politécnica de Valencia; e Íñigo Aizpuru Llanos, técnico de economía circular do Basque Circular HUB de IHOBE, a sociedade pública de xestión ambiental do Goberno Vasco.
Nunha segunda sesión déronse a coñecer casos de estudo desenvolvidos en universidades europeas sobre reparación de equipos electrónicos, reciclaxe de metais, redución de residuos de papel e reutilización da auga, amosando experiencias concretas de innovación ambiental no ámbito universitario.
A xornada pechouse coa presentación do proxecto europeo CirculEC, centrado no desenvolvemento de currículos e módulos docentes innovadores en economía circular, da man de Ángeles Pereira Sánchez, profesora de Economía Aplicada da USC.
Trátase, en definitiva, dun foro internacional que converte a USC nun punto de encontro europeo para debater como deben transformarse as universidades ante o reto climático, reforzando o papel da institución compostelá como referente en investigación e innovación en economía circular e sustentabilidade.














