A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, comprobou este xoves na lonxa Ribeira algunhas das melloras realizadas coas axudas da Consellería do Mar para proxectos postos en marcha a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Ría de Arousa e que permitiron modernizar as instalacións de empresas que desenvolven a súa actividade nesa instalación.
Ditas achegas contribuíron á optimización do procesado de peixe e marisco, a través da adquisición de diverso equipamento que superou os 120.000 euros. É o caso, dunha dosificadora de xeo, dunha cinta transportadora de caixas e de tres xeradores de xeo que producen un rendemento diario de 15.000 quilos para o seu uso polas empresas comercializadoras locais, así como nas poxas da lonxa.
Nova cinta transportadora de caixas da lonxa de Ribeira. / Cedida
A directora xeral puxo en valor estas achegas e valorou así mesmo as realizadas nunha das empresas situadas no mesmo recinto, por un importe de máis de 80.000 euros e que contribuíron á trazabilidade dos produtos pesqueiros.
Na actualidade, a Xunta continúa co desenvolvemento das dúas novas convocatorias publicadas para este ano e que ascenden a 7.750.000 euros.
Enmarcadas nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), estas axudas permitiron, nas tres convocatorias anteriores, executar 339 proxectos que supuxeron a mobilización dun investimento de case 46 millóns de euros, dos que 25 millóns foron en concepto de axuda pública e 21 millóns de financiamento privado.












