Hai decisións que cambian o significado dun lugar. Este é o caso da decisión da Generalitat que levará presenza policial a varios institutos de Cataluña. Introducir presenza policial nun instituto non transforma só a xestión da conflictividade: transforma o clima, as relacións e, sobre todo, a maneira na que se mira ao alumnado. O que ata entón era un espazo educativo empeza a incorporar códigos alleos, máis próximos á vixilancia que ao acompañamento.
A mesaxe que lanza é clara: hai alumnado que precisa ser vixiado antes que acompañado. E iso, por moito que non se diga explicitamente, acaba filtrándose en todo o que ocorre despois.
Quen traballamos con mozas e mozos en situacións de vulnerabilidade sabemos ata que punto as expectativas condicionan as traxectorias. Cando a un adolescente se lle coloca na posición de problema, esa mirada pesa. A relación coa escola cambia, a confianza reséntese, o vínculo debilítase.
A escola debería ser un espazo onde cada quen poida construírse máis alá das súas circunstancias. Un lugar onde non todo estea decidido de antemán. Pero cando o que se introduce é unha lóxica de control, o equilibrio desprazase. O foco deixa de estar en comprender o que pasa e pasa a estar en evitar que pase.
Existen situación complexas, que teñen que ver co emocional, o social e o educativo… e estamos falando de abordalas dende a orde e a contención. A presenza policial pode ter efectos inmediatos sobre determinadas condutas, pero dificilmente aborda o que hai detrás, e o que hai detrás, na maioría dos casos, non é difícil de identificar: falta de acompañamento, malestar emocional, desconexión co sistema educativo, contextos vitais complexos. Realidades que non se resolven desde fóra nin a través da vixilancia, senón desde dentro, con tempo, recursos e relación.
Para quen xa experimentou miradas de desconfianza ou itinerarios marcados pola intervención institucional, a presenza policial pode reforzar a sensación de estar sempre baixo sospeita. Por iso, resulta enganoso formular o debate como unha cuestión de seguridade fronte a educación. Como se reforzar unha implicase debilitar a outra.
Hai outra forma, máis amable, menos estigmatizadora e dende logo menos violenta: reforzar a presenza de profesionais da educación social, ampliar os equipos de orientación, traballar coas familias, incorporar a saúde mental como parte da resposta educativa, reducir ratios en contextos máis esixentes… Non son solucións inmediatas, pero si máis coherentes co que significa educar.
O que está en xogo non é como responder á conflictividade, senón desde onde facelo. Se o punto de partida é a sospeita, o máis probable é que o resultado sexa máis distancia. Se o punto de partida é o acompañamento, haberá dificultades, pero tamén máis posibilidades de que algo cambie.
A cuestión, en realidade, é sinxela: se queremos que a escola sexa un lugar de oportunidade, cómpre coidar tamén a forma na que miramos a quen está dentro. Porque niso, moitas veces, empeza todo.














