A Consellería de Política Social destinará dous millóns de euros a financiar a construción dunha nova residencia para persoas con discapacidade en Outes, que xestionará a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (Adisbismur). O Consello da Xunta deu luz verde este luns á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería e dita entidade.
A nova residencia financiarase con fondos Next Generation e situarase na antiga escola de Cruceiro de Roo, edificio cedido polo Concello á entidade para a súa adaptación. O servizo contará con capacidade para aloxar 24 persoas.
A entidade será a encargada de elaborar o proxecto, da contratación e do seguimento das obras.
Con este recurso, a Xunta segue apostando por crear servizos de proximidade no rural para procurar que as persoas con discapacidade que precisen deles poidan permanecer na súa contorna.
Ademais, a futura residencia completará a rede de servizos de Adisbismur, da que xa forman parte un centro ocupacional, con capacidade para medio cento de usuarios, e un centro de día que presta atención a unha vintena de persoas.
Nestes centros a Xunta financia 49 prazas, ás que destina preto de 720.000 € anuais.














