Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno local o expediente de licitación do novo contrato dos servizos de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais do municipio.
O obxectivo é volver a contar cun servizo específico para realizar traballos de mantemento e conservación dos accesos e interiores dos núcleos rurais, incluíndo tamén as zonas próximas aos lavadoiros, igrexas, locais sociais, muíños, beirarrúas, canalizacións de pluviais, e demais, que sexan de titularidade municipal.
O alcalde, Blas García, destacou «a importancia de volver a contar con este servizo que foi posto en marcha no ano 2021 cunha moi boa acollida entre a veciñanza , e catalogouno como «unha clara aposta polo rural amesán». Actuarase nas once parroquias do concello de Ames e nun total de 107 núcleos.
As labores contarán cun equipo mínimo de tres persoas traballando simultaneamente durante 8 meses do ano, pasando a ser cinco traballadores durante o período estival (catro meses ao ano).









