A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento en tres tramos de ríos que suman máis de 10 quilómetros no concello de Valga.
As tarefas, que se desenvolverán en varias parroquias do municipio, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, na roza puntual e selectiva das zonas de acceso ás canles, así como na eliminación de especies exóticas invasoras presentes na contorna.
Os traballos prolongaranse durante ao redor de 16 semanas e realízanse con ferramentas manuais (motoserras e rozadoiras) co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como unha carretilla de carga e un tractor.
As actuacións céntrase en máis de 4,8 quilómetros do río Louro ao seu paso polas parroquias de Santa Comba de Cordeiro, San Salvador de Setecoros e Santa María de Xanza. Nesta última tamén se actuará no río Valga, no que se realizarán traballos ao seu paso por Santa Cristina de Campaña e San Miguel de Valga. En total, serán preto de 4,5 quilómetros. A maiores, traballarase en preto de 800 metros dun río sen nome nos lugares de Fontenlo e Pedreira, en San Miguel de Valga.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas de alto risco potencial significativo de inundación.