Cando a carballesa María Vilanova estaba cursando o cuarto ano de Fisioterapia na Universidade da Coruña (UDC) marchou de Erasmus catro meses a Kuopio, unha pequena cidade finlandesa, e engadiu á experiencia a aprendizaxe dunha modalidade de deporte que lle acabou permitindo realizar unha tese doutoral. Finlandia é o país de orixe da marcha nórdica: un exercicio de resistencia que consiste en camiñar coa axuda de dous paus semellantes aos bastóns de esquí, exercitando boa parte do corpo.
«A titora do meu Traballo de Fin de Grao, a doutora Ana Lista, unha experta en Fisioterapia Respiratoria, foi quen me propuxo aproveitar a estancia para aprendela», lembra, para estudar se podía servir para axudar a persoas con asma; xa se mostrara beneficiosa para outras enfermidades do estilo. O proxecto acabou converténdose nunha investigación de anos, con decenas de participantes, e Vilanova acaba de presentar resultados e doutorarse na UDC cunha tese tamén dirixida por Lista. Aínda que non amosan beneficios en parámetros como a disnea ou o control dos síntomas, algo que podería cambiar en estudios máis en detalle, si probou que é «segura» e mellora, segundo os propios pacientes, o benestar respiratorio e emocional.
«Involucra máis musculatura que a marcha convencional»
«En comparación coa marcha convencional, involucra máis musculatura», explica a investigadora, e, pese a ser máis intensa, non aumenta a percepción de esforzo por parte dos participantes. Tense demostrado que é beneficiosa en pacientes con diversos problemas, desde cardiovasculares a neurolóxica, e cando comezou a investigación, pese a que había estudos para outras patoloxías respiratorias, non había ningún en asma. «Criamos que podería aumentar a capacidade funcional de exercicio, a actividade física e a calidade de vida das persoas con asma», di Vilanova, e que podería incidir no control dos síntomas», e quizá influír noutras variables, como a forza de agarre e a capacidade do sono.
Vilanova recrutou a 34 participantes no experimento, un número inferior ao desexado para sacar «conclusións robustas» e os dividiu en dous grupos aleatoriamente. Todos recibiron sesións de educación teórica e práctica sobre a asma, e un dos colectivos tamén fixo marcha nórdica en pequenos grupos durante oito semanas. Como «aspecto novidoso», na investigación tamén se estudou a experiencia dos propios participantes.
«Hai mellora xusto despois de facer o exercicio»
Aínda que non se atoparon especiais melloras en certos aspectos relacionados co asma nos participantes nas sesións de marcha nórdica, Vilanova non descarta que existan. O número de participantes non foi o suficientemente alto, indica, e ademais estes partían de bo estado físico, o que dificulta que haxa cambios. Pero iso non quere dicir que non sexa beneficiosa. «O que conseguimos demostrar con esta investigación é que a marcha nórdica e unha actividade segura para pacientes con asma», explica a investigadora, pois non se atoparon efectos adversos. A maiores, a actividade «foi moi ben aceptada polos pacientes», que a consideran «moi beneficiosa para a súa saúde xeral, respiratoria, física e emocional», así como doada de aprender e practicar e adptable á súa vida diaria e rutina. Ante isto, futuros estudos con máis participantes, con pacientes con asma máis grave ou peor estado físico, poderían amosar máis cambios.
Ademáis, aínda con falta de cambios significativos nas variables que se estudaron, atopouse unha «tendencia a mellora no grupo de marcha nórdica xusto despois de facer a actividade, na capacidade funcional de realizar exercicio, na actividade física e na calidade de vida». A marcha «permite sacar os programas de rehabilitación pulmonar á comunidade, en lugar de realizalo en centro», aínda coa supervisión dun fisioterapeuta con formación. Vilanova recoméndaa «sen dúbida» para persoas que padezan asma, e non só ela: «o 100% dos pacientes que participaron neste estudo e fixeron marcha nórdica, recomendaríanlla a outras persoas».















