O Concello de Silleda vén de manifestar o seu profundo pesar polo falecemento, producido este sábado, de Nieves Esther Taboada Estévez, veciña da parroquia de Siador e a persoa máis lonxeva do municipio, aos 107 anos de idade.
Natural de Siador
Nacida o 25 de outubro de 1918 no lugar de Cóscaros, en Siador, Nieves cumpriría o vindeiro mes 108 anos. Nos últimos tempos residía na vivenda comunitaria de A Ponte, onde recibiu en distintas ocasións a visita de representantes municipais con motivo dos seus aniversarios. Muller traballadora, vital, agarimosa e cunha longa vida estreitamente ligada ao rural silledense, Nieves converteuse tamén co paso dos anos nunha figura moi querida e recoñecida no municipio. A súa traxectoria foi, ademais, exemplo da xeración de mulleres que sacaron adiante as súas casas e familias a base de esforzo e traballo no campo.
A súa vinculación con Silleda quedou tamén patente a través de distintos xestos de xenerosidade. No seu día cedeu terreos da súa propiedade para infraestruturas vinculadas ao abastecemento de auga da capital municipal, unha colaboración que o Concello sempre lle recoñeceu e agradeceu. En novembro de 2023, con 105 anos, Nieves foi ademais unha das grandes protagonistas da inauguración da nova casa do concello de Silleda, na que representou á veciñanza de máis idade do municipio xunto con Mariña Anta Blanco, daquela a silledense máis nova. A súa presenza converteuse nun dos momentos máis emotivos daquela histórica xornada.
Programa municipal
Poucos meses despois, en xaneiro de 2024, a súa historia abriu tamén o programa municipal (IN)VISIBLES: Doce meses, doce mulleres, co que o Concello quixo renderlle homenaxe e poñer en valor a súa vida como exemplo de tantas mulleres rurais da súa xeración. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, expresa, en nome de toda a Corporación municipal e da veciñanza , o pesar polo seu falecemento e traslada as condolencias e o agarimo do Concello aos seus familiares e persoas achegadas.
“Nieves forma parte xa da memoria de Silleda. Tivo unha vida excepcionalmente longa, pero sobre todo unha vida marcada polo traballo, pola fortaleza e pola xenerosidade. Foi unha honra poder compartir con ela momentos tan especiais nos últimos anos e contar coa súa presenza nun día tan importante como a inauguración da nova casa do concello”, sinala a rexedora. O Concello de Silleda quere despedir así a súa veciña máis lonxeva, agradecendo unha vida enteira ligada á súa parroquia de Siador e ao municipio, e conservando o recordo dunha muller que deixa unha fonda pegada entre todas as persoas que tiveron a oportunidade de coñecela.















