O Concello da Estrada vén de rematar o plan de asfaltado rural cun investimento de máis de 2 millóns de euros. Con esta actuación melloráronse 75 vías municipais en 33 parroquias durante o último ano e executouse un plan de bacheos en preto de 200 infraestruturas.
O concello conta con máis de 2.000 quilómetros de estradas municipais sobre as que o goberno local continúa desenvolvendo un plan por fases para avanzar na mellora das comunicacións rurais. Dende o goberno municipal avanzan que xa está encamiñada unha nova fase de asfaltado, cun investimento maior ca o da última fase e que será anunciada nos próximos días.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, remarcou a importancia da mellora da rede viaria, que será «unha das prioridades do mandato». Desde o Concello estase a deseñar, ademais, un plan específico para vías do casco urbano: “Temos que ir por fases e programando en función das necesidades e prioridades, pero todas chegarán”.
Este tipo de actuacións permiten ofrecer mellores condicións de circulación e maior seguridade viaria. Deste xeito, centos de veciños poden desfrutar dunha mellor accesibilidade nas comunicacións entre os diferentes núcleos de poboación.
Lugares de actuación
O último paquete de melloras, cun importe próximo aos 800.000 euros, desenvolveuse en 40 vías das seguintes 23 parroquias:
• Toedo: Toedo, Cerrada das Carballas, O Soutiño, O Soutiño-Igrexa e A Carballa.
• San Pedro de Ancorados: O Foxo e O Foxo-Penalba.
• Callobre: Ponteliñares-Moreira (Devesa) e Ponteliñares.
• Guimarei: A Torrevella.
• Santo André de Vea: Trazaríns-Cardelle e Cardelle.
• San Xiao de Vea: Vilanova.
• San Tomé de Ancorados: Igrexa.
• Aguións: A Raxeira, O Codeso e A Frieira.
• Vinseiro: Vis de Correa.
• Matalobos: Guendos e Saiñas.
• Remesar: Aldea Grande e A Rabeta.
• Santeles: Viasque, Sar e Fondevila.
• Berres: Altiño de Berres.
• Orazo: Riomao-Vendexa e Vendexa.
• Arnois: Gundián.
• Loimil: Loimil (Igrexa).
• Rubín: Bemposta.
• Cora: Cora.
• Lagartóns: Os Tatos e O Viso.
• Codeseda: Barro e Vilaboa.
• Nigoi: O Pazo.
• San Miguel de Castro: Igrexa.
• San Miguel de Barcala: Negreira e Cimadevila.














