Aquel neno que lle preguntaba ao seu pai por que eran do Compos non ten idade para lembrar o equipo picheleiro en Primeira División, e aínda era moi cativo para ter recordos daquel último ascenso a Segunda B nun Balaídos baleiro e en pandemia. Pero, agora si, tamén el viviu xa de xeito consciente e en primeira persoa un ascenso da esedé, un que posiblemente xa non esqueza na vida.
Despois de seis durísimas semanas e dun agotador playoff con moitísimo sufrimento, a SD Compostela acadou o obxectivo tras superar no seu purgatorio particular a Vilalbés, Arteixo e Badalona.
Folga dicir que non precisabamos sufrir tanto para chegar ata aquí. Pero como de todo se debería sacar algo positivo, cómpre destacar a reacción da cidade, que ata con 4.000 seareiros chegou a encher de vida e paixón as bancadas do Vero Boquete durante os tres partidos decisivos en San Lázaro.
Finalmente, o pasado domingo, no derradeiro encontro en terras catalanas, (ademais dos 150 desprazados), case medio millar de seareiros ateigaron a Praza da Quintana para seguir o partido nunha pantalla xigante baixo a supervisión do Apóstolo dende a súa Porta Santa.
Os mártires picheleiros, con temperaturas infernais na Quintana de mortos, honraron a toponimia de tan senlleiro camposanto cun silencio sepulcral tras o segundo gol catalán. Pero no xuízo final pesaron máis as boas accións do partido de ida, e as case 500 almas deixaron de estar en pena cando o árbitro asubiou poñendo punto final a aquel martirio.
A explosión e sensación de felicidade foi descrita cunha soa palabra por Samu, o noso capitán, aínda sobre o asfalto pintado de verde no que tiveron que xogar en Badalona: «Liberación». Merecíano eles e merecíamolo nós, porque despois de estar nas malas, por fin chegou unha boa. Esta cidade merece un Compos ambicioso que só pode aspirar a seguir nesa liña ascendente.
Foi esta unha excelente campaña para o deporte picheleiro, con ascensos de Obradoiro CAB, CompoSala, Hockey Club Raxoi e, finalmente, tamén a SD Compostela. É momento de parabéns e de desfrutar dos éxitos, si, pero tamén de comezar a pensar no futuro.
Agora si, aquel neno que lle preguntaba ao seu pai, por fin sabe, tamén el, por que os picheleiros somos do Compos.
Fuente: El Correo Gallego












