A Asociación Paseniño, Plataforma Reiseñores NEE/NEAE Costa da Morte, Asociación Aspadex e o Servizo de Atención Temperá (SAT) trasladaron ao Hospital Virxe da Xunqueira, á Área Sanitaria da Coruña-Cee e á Consellería de Política Social e Igualdade unha proposta para implantar unha Iniciativa de Humanización e Mellora da Atención Integral ao Paciente con trastorno do espectro autista (TEA) no centro ceense.
Un proxecto «pioneiro en Galicia», segundo indica Jacinta Louzán, da Plataforma Reiseñores, que decidiron impulsar porque «estamos convencidos de que humanizar o noso sistema sanitario implica adaptar a mirada á realidade diversa de cada paciente«.
A proposta pretende tamén que o Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira sexa un referente en inclusión, asegurando unha mellora na accesibilidade cognitiva e un acompañamento profesional de referencia.
Atención integral
Conscientes do desafío sensorial e cognitivo que supón para as persoas autistas a contorna hospitalaria, e atendendo ás numerosas demandas e problemáticas que as familias lles veñen trasladando ao longo do tempo, como usuarias do sistema sanitario «vimos a necesidade de presentar unha iniciativa pioneira de atención integral ao paciente con TEA».
O primeiro paso foi unha xuntanza co Servizo de Pediatría do hospital de Cee para transmitirlles «a necesidade de realizar, no ámbito sanitario, adaptacións específicas e melloras asistenciais para as persoas autistas».
Despois de consultar cos profesionais do Virxe da Xunqueira elaboraron un plan de acción con dez puntos de actuación. «Un decálogo destinado a ser un código de boas prácticas no momento da asistencia sanitaria», afirman.
Jacinta Louzán destaca a boa acollida dos profesionais de pediatría e asegura que, «en principio a iniciativa tería un custo cero se existe colaboración e unha boa coordinación». O vindeiro día 19 reuniranse coa directora do hospital.
Cooperación entre profesionais e familias
As nenas e nenos con TEA, subliña Julia, teñen máis dificultades na comunicación, son reacios aos cambios e a súa emocionalidade é diferente, polo que «é necesario adaptar tamén a atención sanitaria ás súas necesidades«. As crianzas con autismo, subliña, «perciben o hospital como un espazo hostil e xéralles moito estrés».
É necesario, engade, que «os profesionais se den conta de que estas nenas e nenos non os entenden a eles, polo que é necesaria a cooperación para facer máis sinxelo o labor dos especialistas e das familias«.
Desde as asociacións implicadas agardan unha boa acollida do proxecto e amosan a «total disposición» para explicar «este ilusionante e pioneiro proxecto ás diferentes administracións do ámbito sanitario, xerencias, consellería, alcaldías e demais entidades interesadas para que este modelo de atención ás persoas autistas sexa un primeiro paso para acadar unha atención sanitaria máis adaptada e inclusiva para todos e todas«.
Segundo sinala Jacinta Louzán na actualidade hai preto dun cento de nenas e nenos con TEA adscritos ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
Subliña ademais, que «este proxecto é un primeiro paso, pero o obxectivo é que sexa aplicable tamén ás seguintes etapas da vida destas crianzas, pois hoxe son nenos pero mañá serán adultos». A este respecto, asegura que «se estas crianzas son ben tratadas agora van chegar á idade adulta con maior calidade de vida«.














