A Facultade de Matemáticas de Santiago acolleu este sábado a xornada de despedida da promoción de Estalmat Galicia que iniciou a andaina en 2023. O acto foi o primeiro que presidiu a nova reitora da USC, Rosa Crujeiras, docente ademais do programa.
Neste terceiro curso dun programa que busca estimular o talento matemático, denominado Estalmat-π, dos 25 estudantes que conformaron a promoción décimo sexta do proxecto, participaron 21, seis mozas e 15 mozos. Ao longo da actividade anuial, houbo dúas sesións novidosas do total das catorce: conectaron ‘Matemáticas e malabares’ grazas a Pablo Reboleiro Rama, matemático e director artístico da compañía Pistacatro, recoñecida co premio nacional de Circo 2025, e aprenderon como Mestrelab usa a IA e a RMN para ver o invisible e descubrir o mundo das moléculas nas instalacións da propia empresa.
Por terceiro ano consecutivo impartiuse unha sesión de manexo da calculadora científica, que doou CASIO patrocinador do programa e que tamén facilitou recursos aos estudantes, unha calculadora CASIO FX-991SPCW, que ten a opción de se comunicar en cinco linguas, entre elas o galego.
No acto en Matemáticas tamén participaron a secretaria da Facultade Matemáticas, María José Ginzo Villamayor; a presidenta de Estalmat-Galicia, Mª Elena Vázquez Cendón; a coordinadora académica, Sandra María Díaz Mouro; o director científico do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa; o director en Galicia de DXC Technology, Elías Castro, e a investigadora da empresa Mestrelab, Karen Vilela, estas últimas representantes das empresas que apoian Estalmat-Galicia desde o programa de mecenado SUMO Valor da USC.
Interviñeron ademais en nome da promoción a estudante Cilia Villarino Pazos. O nomeamento de todos os membros da promoción para facer a entrega dos diplomas realizouno a secretaria de Estalmat-Galicia, Marina Germiñás Miguens.
Previo ao acto propiamente de clausura, a promoción de estalmateiras e estalmateiros xunto coas súas familias visitaron as instalacións do Cesga, un percorrido no que coñeceron o labor do centro.
Un programa con profesorado das tres universidades
O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, conta co apoio da USC, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e CASIO. Colaboran tamén o Centro de Supercomputación de Galicia, o CITMAGA e o programa de mecenado SUMO Valor da USC.
Estalmat-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas.









