As obras na rúa Amor Ruibal non convencen a todolos veciños da zona e algúns trasladaron as súas queixas ao Concello de Santiago. Dende o Pazo de Raxoi lembran que o obxectivo da actuación no coñecido como Barrio Verde de Pontepedriña é crear un espazo no que a cidade se adapte ao cambio climático. A diminución de prazas de aparcamento é unha das preocupacións dos residentes, pero o Concello insiste en que co proxecto «estamos reducindo o espazo destinado ao coche na rúa Amor Ruibal claramente sobredimensionado, para crear un espazo público máis amplo e diverso desde o punto de vista funcional, de maior calidade e que fomente tamén o encontro e a estancia».
O barrio verde de Pontepedriña é unha das cinco actuacións que se engloban no proxecto Entre Sar e Sarela financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea. Raxoi logrou os fondos necesarios xa durante o mandato do socialista Xosé Sánchez Bugallo, pero non foi ata a chegada do Executivo de Goretti Sanmartín cando arrincaron as obras. «É un proxecto conxunto co Concello de Santiago, a USC e cofinanciado pola Fundación Biodiversidade», indican dende o Concello. Foi o persoal investigador da universidade o que estableceu os criterios para a restauración ecolóxica e tamén os criterios á hora de intervir na zona de Pontepedriña.
O proxecto pretende a transformación da rúa de Amor Ruibal nun corredor ecolóxico, a transformación ecolóxica da praza Pintor Laxeiro e da faixa verde do parque Euxenio Granell que se atopa dentro do ámbito, no espazo libre adxacente ao IES de Pontepedriña ou da rúa do Escultor Camilo Otero. Ademais, inclúe como novidade un proxecto piloto para fomentar unha nova forma de xestión da auga de chuvia que nun primeiro momento será infiltrada nas grandes superficies permeables e vexetadas. Entre as críticas dos veciños está a renovación de beirrarúas arranxadas hai poucos anos, pero o cambio en que ver con esta nova forma de xestionar a auga da chuvia. «Os novos pavimentos das beirarrúas serán filtrantes ao mesmo tempo que garanten a accesibildiade. Cambianse os pavimentos de todas as zonas peonís e as súas bases o cal aumenta a permeabilidade, reduce a compactación do solo e por tanto, mellora as condicións para o verde urbano», indican. A auga sobrante vai ser conducida por unha canle (tamén con especies vexetais e sistemas de filtración), e de aí pasará a unha balsa de biorremediación. Despois será vertida de forma controlada ao río Sar. «Xa contamos co informe favorable de Augas de Galiza para o punto de verquido», explica o Concello.
Respecto a tala de árbores, Raxoi aclara que se eliminaron especies foráneas e invasoras (eucaliptos e robinias) e trasplantáronse as foráneas (agapantos) noutros espazos menos sensibeis e confinadas. «Fixemos pedagoxía entre a cidadanía sobre a importancia de plantar especies autóctonas e adaptadas e de crear unhas zonas verdes con masas arbóreas autóctonas diversas. Por iso se suprimiron as árbores puntuais e alóctonas para plantas especies que formarán unha masa nos próximos anos», indica o Concello.
Reunións veciñais
Tamén explica que antes de comezar as obras houbo contacto cos residentes na contorna para explicarlles o proxecto. «Nas xuntanzas previas á aprobación do proxecto recolléronse as peticións da asociación veciñal de Pontepedriña», indica. O 10 de abril de 2023 realizouse unha xuntanza explicativa no centro sociocultural do barrio aberta á cidadanía á que se convocou ás asociacións veciñais de Pontepedriña e Sandra Prego para explicar o proxecto do Barrio verde de Pontepedriña. Raxoi indica ademais que tamén se realizou «unha comunicación específica sobre as tarefas de retirada de especies vexetais e a plantación das novas». Insiste en que o cambio nas especies vexetais respondeu «ao criterio técnico das persoas investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, de áreas como a botánica e a edafoloxía».
O Concello tamén responde a outra das dúbidas dos comerciantes da zona e confirma que «existirán espazos para a carga e descarga en cada sentido de circulación». Tamén que haberá áreas de parada e de estacionamento, así como espazos reservados para o transporte público. Amais explica que nun futuro o carril bici que se vai construir na zona terá continuidade coa rúa de Romero Donallo.














