O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo organiza, co apoio da Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello, a primeira Feira Temática BioSaúde, un evento pioneiro que poñerá o foco na promoción do consumo responsable, os hábitos saudables e o respecto polo medio ambiente. Celebrarase os días 10 e 11 de maio na Praza do Concello e reunirá quince expositores, na súa maioría locais, procedentes dos sectores de alimentación, cosmética natural, moda sostible, terapias alternativas, nutrición ou produtos de hixiene e limpeza sostible.
Ademais, durante toda a fin de semana celebraranse actividades paralelas encamiñadas a concienciar a sensibilizar á poboación sobre diferentes aspectos relacionados coa saúde e o medio ambiente. Así, desde o sábado pola mañá, o público que o desexe poderá asistir a diferentes charlas sobre saúde, nutrición, cosmética natural e estilo de vida sostible, a cargo de profesionais especializados nas diferentes materias. Tamén haberá actividades interactivas e recreativas para o público infantil e adulto, pensadas para fomentar a sensibilización e a educación ambiental. E o domingo pola mañá terá lugar un showcooking con receitas saudables elaboradas con produtos naturais e de proximidade.
Para garantir o aforo recoméndase inscrición previa en [email protected].
Segunda Pequefeira
Como parte da programación do domingo 11, celebrarase tamén a segunda edición da Pequefeira, na que os máis pequenos da casa terán de novo a oportunidade de vivir a experiencia de ser comerciantes por unhas horas, fomentando a creatividade, a autonomía e o espírito emprendedor nun contexto lúdico e educativo.
A cita terá lugar de 12.00 a 14.00 horas, na propia Praza do Concello carballés, previa inscrición a través do enderezo eléctrónico da asociación.
Os nenos e nenas interesados en participar deberán acudir con produtos artesanais ou reciclados, e que ademais sexan respectuosos co medio ambiente.