A Pobra do Caramiñal celebra o Día Internacional do Libro cunha xornada chea de actividades dirixidas a todos os públicos, entre as que destaca unha solta de libros, o mércores 23, por lugares emblemáticos da vila, e relacionados dalgún xeito coa literatura ou con escritores.
A iniciativa foi presentada pola concelleira de Cultura, Patricia Lojo, quen asegurou que o obxectivo «é incentivar a lectura en todas as idades, cun formato diferente ao que a veciñanza está acostumada, como os intercambios de libros de segunda man». Nesta ocasión, os libros que se repartirán pola vila «son novidades moi recentes».
Loló Fernández, bibliotecaria da Pobra, sinalou que se repartirán catro exemplares de libros actuais destinados ao público infantil, xuvenil e adulto. «Os participantes deberán achegarse á biblioteca para recoller unha única pista por unidade familiar, relacionada con cada libro, para así poder atopalo. Recomendamos vir cedo, para ter máis posibilidades de éxito», subliñou.
Unha vez atopado o exemplar convidan a volver á biblioteca para amosalo. No caso de que algún exemplar non sexa atopado, será recollido e posto á disposición da veciñanza na biblioteca. «Non queremos que ningún libro quede sen ser lido», afirmou a concelleira de Cultura.
Ademais, ás 19.00 horas terá lugar a presentación de Las princesas también tienen los pies apestosos, un libro bilingüe (castelán e inglés), que a propia autora, Lynette White, dará a coñecer na biblioteca municipal.