Cando falamos das universidades, é habitual poñer o foco no seu impacto inmediato sobre as cidades que as acollen. Milleiros de estudantes, docentes e investigadores moven cada ano a demanda de vivenda, alimentación, transporte, ocio ou servizos profesionais. Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol notarían de forma evidente a ausencia da actividade universitaria. Porén, desde unha perspectiva autonómica, estes efectos de demanda non son os máis importantes. Galicia non conta cunha proporción especialmente elevada de alumnado procedente do exterior, polo que boa parte deste gasto simplemente se despraza dentro do territorio.
O verdadeiramente decisivo está noutro eido, nos seus efectos sobre a oferta, sobre a capacidade produtiva da economía e sobre as posibilidades de progreso da sociedade e do país. E aquí adoita existir unha importante infravaloración colectiva. Nunha economía periférica como a galega, afastada dos grandes centros de decisión, as capacidades endóxenas son fundamentais. O noso desenvolvemento depende en boa medida do que somos quen de construír por nós mesmos.
No ámbito empresarial, son as empresas de aquí, maioritariamente de base familiar, as que explican que Galicia lograse un resultado económico extraordinario: medrar a un ritmo similar ao da media española no que levamos de século, malia o estancamento demográfico e o intenso avellentamento da poboación. Non foron as multinacionais alleas.
Coas universidades sucede algo parecido. Sen a súa tracción, as empresas galegas, pero tamén a Administración autonómica e as administracións locais, non disporían do capital humano que precisan para funcionar e competir. A realidade é que a inmensa maioría dos titulados das universidades galegas permanece en Galicia unha vez rematados os estudos. Estamos a falar de arredor do 90%. Isto significa que os recursos investidos na formación superior reverten, en gran medida, sobre o propio territorio. Médicos, enxeñeiras, matemáticas, economistas, mestres ou xuristas constitúen unha peza esencial do funcionamento da sociedade galega. Algo semellante ocorre coa I+D+i. O labor dos centros tecnolóxicos merece todo o recoñecemento, pero a principal acumulación de coñecemento avanzado, capacidade investigadora e resolución de problemas complexos segue estando nos sete campus galegos. Asemade, Galicia non dispón dun tecido empresarial no que abunden as grandes compañías con amplos departamentos propios de investigación e centros formativos. Son poucas as empresas que poden permitirse esas estruturas. Por iso, as universidades públicas desempeñan unha función insubstituíble. Son, en boa medida, o cerebro auxiliar da sociedade galega, das súas institucións públicas e do seu sistema produtivo.
Por todo o anterior, precisamos facer dúas cousas á vez. A primeira: garantir recursos suficientes para que as universidades poidan cumprir axeitadamente as súas misións. O novo marco de financiamento universitario agora en elaboración ofrece unha oportunidade ideal. O punto de partida é razoablemente bo. A Xunta de Galicia leva xa dúas décadas tomando decisións atinadas neste ámbito. Xa que logo, non se trata de romper co existente, senón de reformar e mellorar. Só un exemplo, a aposta pola excelencia e polos resultados é positiva, pero sen esquecer os custos indirectos que implica crear e manter laboratorios, grupos de investigación ou centros de referencia. A segunda cousa é que as universidades teñen que acadar mellores resultados e máis impacto social. Os universitarios podemos e debemos esforzarnos máis para que o coñecemento xerado chegue de forma máis rápida e eficaz ás empresas, ás administracións e ao conxunto da cidadanía.
En síntese: máis recursos a cambio de máis esforzo e máis resultados en docencia, investigación e transferencia; e un reparto entre as tres universidades que aposte aínda máis claramente polos que están a demostrar hoxe un maior compromiso con esta filosofía.















