A Praza de Teruel de Ribeira acollerá esta fin de semana unha nova edición do festival Etal Equal, que promove a asociación Ribeira Crea.
A edil de Cultura, Ana Barreiro, presentou a programación xunto a Alba Prego e Martiño Sampedro, a presidenta e o tesoureiro do colectivo.
O sábado 5 actuarán Helena Egea & Banda ás 15.30 horas; Ilmarto e unha pranta, ás 18.00 horas; e Daydream Sessions + Jam Libre, ás 21.00 horas.
Xa o domingo 6 será a quenda de Nan Illonia, ás 13.30 horas; Martin Human, ás 15.00 horas; e Micro Aberto no bar Cocoluche, ás 17.30 horas.
Con relación a esta última cita, as inscricións formalizaranse na conta de Instagram @microabertococoluche.
Pero o domingo tamén se impartirán obradoiros gratuítos, de 11.30 a 13.00 horas. Néboa Creacións ensinará sobre o prensado de flores e composición en papel a un grupo máximo de 10 persoas, a partir de 5 anos de idade, e Tere Ramallo ofrecerá un taller de ceos de acuarela a un máximo de 9 persoas, tamén a partir de 5 anos.
Requírese inscrición previa a través da conta de Instagram @ribeiracrea ou no enderezo electrónico [email protected].
















