O Concello da Pobra do Caramiñal presentou as Festas do Nazareno 2026, que se celebrarán os días 18, 19, 20 e 21 de setembro. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e un representante da comisión deron a coñecer a programación dunha das celebracións máis arraigadas da vila e unha cita destacada do calendario festivo pobrense.
Entre as propostas musicais anunciadas figuran Kolokón, El Último Ke Zierre, América, París de Noia, Olympus e Panorama.
Patricia Lojo puxo en valor o significado do Nazareno para A Pobra, tanto pola súa vinculación coa historia e coas tradicións locais «como pola súa capacidade para contribuír a manter a actividade no municipio cando o verán chega ao seu fin».
Actividade económica e social
Destacou a importancia de continuar traballando para alongar a tempada turística e ofrecer motivos para visitar e desfrutar da Pobra máis alá dos meses de maior afluencia. «A celebración favorece tamén o movemento na hostalaría, no comercio e nos pequenos negocios, contribuíndo á actividade económica e social da vila», subliñou.
«Manter as nosas tradicións non significa quedar no pasado; significa saber coidalas e, ao mesmo tempo, adaptalas e potencialas para que sigan tendo futuro», sinalou Lojo. Incidiu así na importancia de «seguir apostando por unhas festas coidadas e á altura do que o Nazareno representa para o municipio».
Agradecemento á organización
A presentación serviu tamén para recoñecer o labor da Comisión do Nazareno e das persoas implicadas na organización. Lojo agradeceu expresamente «o tempo, o esforzo e a dedicación que require preparar unha celebración destas características, cun traballo previo de coordinación, reunións e xestión que non sempre resulta visible».
Lojo convidou a veciñanza e as persoas que visiten A Pobra durante esas datas a participar na programación, saír á rúa e desfrutar do Nazareno como «unha das grandes festas do noso concello«.
















