A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —antiga CRTVG— prepara unha cobertura de altura arredor do primeiro eclipse total de Sol visible desde Galicia en máis dun siglo.
Farao cunha canle Fast (free ad-supported streaming televisión) entre os días 10 e 12 de agosto, unha cobertura integral do acontecemento e unha programación de apoio divulgativa na Televisión de Galicia (TVG), a Radio Galega e as súas plataformas dixitais.
Canle ‘Fast’
Segundo anunciou a corporación autonómica, crearase por primeira vez unha canle Fast, canle temática con emisión ininterrompida durante 72 horas que se poderá seguir a través da plataforma de streaming AGalega.gal. Nela ofrecerase unha experiencia multicámara para escoller en tempo real o punto de Galicia desde o que ver a eclipse do vindeiro agosto, con timelapses descargables para compartir nas redes sociais.
Ademais, retransmitirá en exclusiva as xornadas internacionais de cosmoloxía New Frontiers in Cosmology, que terán lugar en A Coruña os días 10 e 11 de agosto. Entrevistas con divulgadores e científicos, videopodcasts e reportaxes completarán a programación desta canle, na que destacan a miniserie francesa The Eclipse e o documental da Federación de Organismos de Radio y Televisión Autonómicos (FORTA) A gran eclipse.
A despregadura do 12 de agosto
O operativo da CSAG despregarase polas catro provincias o vindeiro 12 de agosto, cun dispositivo estruturado arredor de dous grandes centros de produción. Un será Ribadeo (Lugo), un dos principais puntos de observación en Galicia, que acollerá dúas edicións do programa Hora Eclipse de mañá e de tarde, e o Eclipse Fest, un macroconcerto na praia das Catedrais con actuacións de Panorama City e 9Louro, entre outros.
Mapa da Xunta con puntos nos que poder ver ben a eclipse. / Xunta
O Faro de Mera, no concello coruñés de Oleiros (A Coruña), será o segundo gran centro de emisión da TVG, desde o que se producirán as dúas edicións do Especial Eclipse, ao mediodía e no serán, e desde o cal se coordinarán as conexións cos equipos despregados no resto de Galicia.
Pola súa parte, os espazos informativos Bos días, Galicia noticias, os Telexornais da TVG, así como o magazine Galicia por diante da Radio Galega e os seus boletíns ofrecerán contidos específicos e o seguimento continuado do fenómeno ao longo de todo o día con conexións en directo desde numerosos puntos. Entre eles Santiago, Lalín, a Torre de Hércules na Coruña, A Guarda, Fisterra, o Banco de Loiba (A Coruña) e Vigo.









