O goberno local de Laxe (PP) denuncia a «utilización partidista que o BNG está facendo da Deputación da Coruña» despois de que anunciase nas súas redes sociais a visita ao municipio do deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, «sen que o Concello nin o alcalde fosen informados oficialmente da súa presenza».
O alcalde, Francisco Charlín, considera esta actuación unha mostra de «deslealdade institucional intolerable» e lamenta que un representante da Deputación visite o municipio para tratar un proxecto municipal «sen pasar polo concello, sen contactar co goberno local e sen respectar os mínimos principios de cortesía entre administracións».
A Deputación da Coruña, engade, «é unha institución de todos os concellos e de todos os cidadáns, non unha sede do BNG nin unha ferramenta para facer campaña electoral. Un deputado non pode vir a Laxe ás costas do Concello para facer unha fotografía coa portavoz local do seu partido e atribuírlle ao BNG o traballo realizado durante meses polo goberno municipal e polos técnicos», subliña Charlín.
O executivo local considera «especialmente grave» que o BNG asegure publicamente que a súa «proposta, traballo e presión» fixeron posible a subvención nominativa destinada á senda peonil da Torre.
«Nin a presión nin unha publicación en Facebook redactan proxectos, responden requirimentos, celebran reunións técnicas, modifican documentación ou asumen o financiamento municipal. Esa subvención sae adiante porque o Concello de Laxe a solicitou, traballou nela e cumpriu todas as esixencias da Deputación», afirma o alcalde.
Charlín considera que esta forma de actuar demostra que «xa comezou a carreira electoral e que o BNG intenta utilizar os recursos e cargos institucionais da Deputación para facer oposición municipal«.
Promesa dunha circunvalación
Por outra banda, o alcalde lembra tamén o traballo desenvolvido polo goberno local para mellorar a seguridade da estrada provincial DP-4001, unha cuestión sobre a que o Concello mantivo unha primeira reunión o 10 de marzo de 2025 coa deputada responsable de Vías e Obras e con técnicos da propia Deputación.
«Nese encontro, os técnicos provinciais propuxeron estudar unha posible circunvalación, ao entender que podía ser a única solución efectiva para mellorar a seguridade na zona», sinala. O 17 de febreiro de 2026 tivo lugar unha segunda reunión sobre o terreo, «na que a Deputación se comprometeu novamente a estudar a alternativa».
Dende o goberno local sinalan ademais que o grupo municipal do PP tamén formulou preguntas no pleno sobre o estado desta actuación, e na reunión celebrada o 13 de xullo de 2026 entre o alcalde e o presidente da Deputación «volveu preguntar polos avances do estudo. Porén, ata o momento o Concello non recibiu ningunha resposta concreta«.
O Muíño de Vento e o precedente do PAI
Na reunión do 13 de xullo tamén se tratou o proxecto de rehabilitación do Muíño de Vento de Laxe, que quedou fóra dunha convocatoria provincial por non acadar a puntuación mínima.
O alcalde trasladoulle ao presidente da Deputación que o Concello non comparte a valoración efectuada e propuxo que esta actuación poida recibir unha subvención nominativa no próximo exercicio.
Por outra banda, o goberno local lembra «que esta estratexia de apropiación política xa se produciu co Punto de Atención á Infancia (PAI), un servizo no que o Concello levaba anos traballando e que, unha vez desbloqueado e sacado adiante, o BNG intentou presentar como unha iniciativa propia formulada hai máis dunha década».
«Parece que todo o que se consegue en Laxe é grazas ao BNG, aínda que non tramiten os expedientes, non redacten os proxectos, non poñan os recursos e non teñan responsabilidades de goberno. E aquilo que non se consegue inmediatamente utilízano para atacar. Esta maneira de facer política xa superou todos os límites», afirma Francisco Charlín.
Malia todo, dende o Concello de Laxe reiteran a súa vontade de colaborar coa Deputación da Coruña e co resto das administracións, pero advirten de que «non aceptarán novas actuacións nas que se ignore deliberadamente o goberno municipal para favorecer os intereses políticos dun partido».
«Nós respectamos as institucións. Hai apenas uns días reuninme co presidente da Deputación para trasladarlle persoalmente as necesidades de Laxe. Ese mesmo respecto é o que lle esiximos á presidencia provincial e aos seus deputados», afirma Charlín.
«Laxe non pode ser o escenario no que o BNG veña facer a súa campaña electoral utilizando cargos, información e recursos dunha institución pública. Quen queira visitar o municipio é benvido, pero cando se vén como deputado provincial para falar de proxectos do Concello, o mínimo esixible é informar e respectar a institución municipal. Laxe merece lealdade, seriedade e respecto; non fotografías oportunistas nin medallas alleas».












