O Concello de Santiago, a través do departamento de Emprego, ven de contratar nove traballadores ao abeiro do programa de axudas da Deputación da Coruña á contratación de persoal para a execución de obras e servizos municipais. Trátase de tres peóns e tres albaneis que se incorporarán aos programas de mellora das zonas verdes do Banquete de Conxo e o Berce de Sar e ao servizogratuíto de limpeza de pintadas en elementos de carpintería; e de tres tractoristas que reforzarán a Brigada de Vías e Obras.
O Concello de Santiago destina un orzamento de algo máis de 110.000 euros á contratación destes nove traballadores, dos que 75.000 corresponden á subvención da Deputación da Coruña e os 35.000 euros restantes son achega propia municipal.
Dende Raxoi recordan que o Bosque do Banquete de Conxo e o Berce de Sar son dous espazos que foran xa recuperados para a veciñanza a través de cadanseu obradoiro de emprego, e agora seguiranse executando pequenos traballos de mellora co persoal contratado a través das subvencións do PEL da Deputación da Coruña
Ademais, o departamento de Emprego reforza o servizo gratuíto de eliminación e limpeza de pintadas en elementos de carpintería, co obxectivo de facilitarlles aos propietarios e propietarias dos inmobles a súa obriga de mantelos en condicións adecuadas. As persoas interesadas en solicitar o servizo, poden facelo a través da sede electrónica. Para formular calquera dúbida ou consulta, poden remitir un correo electrónico ao enderezo [email protected].












