Ames acollerá ao longo deste verán un total de dez campus e campamentos deportivos, organizados por clubs e entidades deportivas locais e que contan coa colaboración da Concellaría de Deportes e da Deputación da Coruña. A rapazada poderá escoller entre varias propostas, que van dende fútbol, fútbol sala ou baloncesto, ata atletismo, patinaxe ou vólei.
O fútbol é o deporte que conta cun maior número de propostas. Haberá tres campus de fútbol campo e un de fútbol sala, que se desenvolverán durante os meses de xuño e xullo, con opcións para rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos.
Cartel promocional dos campus deportivos 2026 de Ames. / Cedida
En primeiro lugar, do 29 de xuño ao 3 de xullo e do 6 ao 10 de xullo desenvolverase o XIV Campus de fútbol Bertamiráns F.C., que se realizará de 8.00 a 15.30 horas. Está orientado á rapazada de entre 4 e 15 anos, e levarase a cabo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns.
Seguidamente celebrarase o VI Campus de Fútbol Milladoiro S.D., que se desenvolverá do 1 ao 31 de agosto, de luns a venres, e en horario de 10.00 a 14.00 horas. Está dirixido a menores de entre 4 e 16 anos e terá lugar no campo de fútbol municipal do Milladoiro.

Asistentes ao acto de presentacion dos campamentos deportivos de Ames. / Cedida
Así mesmo, o R.C. Deportivo da Coruña organiza o seu campus de verán do 13 ao 17 de xullo, para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Desenvolverase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 10.00 a 14.00 horas. Pódese obter máis información ou inscribirse escribindo ao enderezo electrónico [email protected] ou a través da web do DeporCampus.
Volve un ano máis o Campus de Verán Santi Valladares, do FC Meigas e das EFS Trasgos. Desenvolverase en horario de 9.00 a 14.30 horas ou ata as 16.30 (neste caso co xantar incluído); do 22 de xuño ao 10 de xullo. Está orientado á rapazada de entre 5 e 16 anos, e desenvolverase no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns.
Campamentos de patinaxe
Ademais, os dous clubs de patinaxe de Ames manteñen a súa oferta para os meses de verán. O campamento de verán de patinaxe do CP A Omega, dirixido á rapazada de 4 anos en diante, comezará o 1 de xullo e desenvolverase ata o día 31 do mesmo mes. Será de 8.30 a 14.30 horas, con dúas quendas quincenais. Terá lugar no IES do Milladoiro e no pavillón municipal da localidade.
Pola súa banda, o VII Campamento de verán Patinaxe Sarela desenvolverase en dúas quendas, a primeira do 15 ao 31 de xullo e, a segunda, do 1 ao 14 de agosto, ambas as dúas en horario de 8.30 a 14.30 horas. Terá lugar no polideportivo de Bertamiráns, para nenos e nenas de entre 5 e 17 anos.
Campus de volei
Do mesmo xeito que o ano pasado, inclúese na programación o IV Campus de Volei Internacional, organizado polo C.V. Bruxas. Realizarase entre o 6 e o 10 de xullo, de 12.30 ata as 14.30 horas, e do 13 ao 17 de xullo, de 9.30 a 12.30 horas. Esta proposta terá lugar no pavillón de Bertamiráns e está dirixido a persoas de entre 11 a 20 anos.
Campus de atletismo
O atletismo tamén aparece por partida dobre no verán amesán. Por un lado, o Campus de atletismo Ames Atletismo Savante ofrece unha opción para os nenos e nenas nados entre o 2012 e o 2022. Ofertaranse dúas quendas. A primeira delas abarca do 22 ao 30 de xuño; e a segunda, do 31 de agosto ao 4 de setembro, de 8.30 a 14.30 horas e terá lugar no centro de lanzamentos de Biduído.
Por outra banda, na oferta de campamentos de verán volverá a estar presente o XI Campus de Atletismo Millaraio, que ocupará en dúas quendas a área deportiva do Milladoiro. A primeira destas quendas vai dos días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño; e a segunda, do 31 de agosto ao 8 de setembro, de 8.30 a 14.30 horas. Diríxese á rapazada nada entre os anos 2013 e 2019.
Campus de baloncesto
Por último, a oferta de campamentos deportivos inclúe o IX Campus de verán Básquet Ames, que achegará o baloncesto aos mozos e mozas nados entre 2008 e 2019. O campus desenvolverase en dúas quendas, a primeira do 22 ao 26 de xuño, e a segunda do 29 de xuño ao 3 de xullo, ambos os dous en horario de 09.00 a 17.00 horas, na área deportiva do Milladoiro.
Presentación
As propostas foron presentadas pola concelleira de Deportes, Susana Señorís; os técnicos de Deportes, Alberto Viaño e Iván Sanmartín; por parte do Bertamiráns FC o presidente, Rafael Budiño, e o director da canteira do club, Juan Diego Rodríguez Rogido; en representación do Club Básquet Ames, José Luis Penas; o presidente do Club Voleibol Bruxas, Fernando Lizuain, e o director técnico, Ossie Antonetti; en representación do RC Deportivo, o adxunto á coordinación dos Depor Campus, Adrián Vilas Martínez; por parte do Patinaxe Sarela, a súa presidenta, Celtia Pampín, e a directora do campamento, María Peña; a presidenta do CP A Omega, Jesica Pazos; o director deportivo do Ames Atletismo, David García; e por parte do F.C. Meigas e a EFS Trasgos, Paola Vignolo e Diego Montero.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu o labor de todas as entidades, «non só de conciliación, senón que tamén xeran unha oportunidade para que os nenos e nenas sigan practicando e descubrindo novos deportes».














