Oroso está preparado para vivir unha das súas celebracións máis tradicionais. Desde hoxe ata o domingo a vila de Sigüeiro encherase de música, tradición, actividades infantís e, sobre todo, peixe para gozar da vixésima oitava edición da Festa da Troita. Catalogada como cita de Interese Turístico de Galicia, o seu significado vai ligado á identidade do municipio, como sinala a concelleira de Cultura, María Requejo: «Fala de Oroso, da nosa historia, dos nosos ríos, da nosa xente e da nosa maneira de celebrar».
O concelleiro de Deportes e Turismo, Carlos Fernández, destaca tamén a profunda dinamización que provoca na vila, chegando mesmo a atraer xente de fóra da comarca: «Durante estes días hai actividade na hostalería, no comercio, nas rúas, nos bares, nas prazas… É importante que quen veña, marche falando ben de nós». O edil subliña sobre a programación deste ano que haberá propostas para todos os públicos. «Temos cantos de taberna o venres, grandes orquestras como Olympus, Los Satélites e Marbella, Panorama City, DJs, charangas, sesión vermú, xogos tradicionais, feira de artesáns, degustacións… É unha oferta pensada para que a xente poida vivir a festa de mañá, de tarde e de noite».
A edila de Cultura, pola súa parte, enxalza a tradición da cita de mesturar diferentes propostas de lecer: «Temos música, asociacións culturais, a Banda de Música de Arzúa, o mural de Marcos Couso, o pregón do alumnado do IES de Oroso… Iso fai que a festa non sexa só verbena, senón tamén cultura, participación e identidade propia».
A Festa da Troita non se pode entender sen a pesca. «Ten unha importancia enorme. O campionato de adultos e o campionato infantil manteñen vivo ese vínculo coa troita e co río», declara Fernández, quen tamén salienta que «é moi bonito ver como participan distintas xeracións».
Outro aspecto crucial para explicar o crecemento da Festa da Troita é o labor das asociacións culturais. «Teñen un papel fundamental. Sen elas Oroso non sería o mesmo. Cando saen á rúa, actúan e animan o ambiente están lembrándonos que a cultura non é algo afastado», resalta Requejo. Nesta liña, a edila pon de manifesto o traballo conxunto da hostalería, colaboradores, técnicos voluntarios, persoal municipal e Protección Civil: «Hai moita xente traballando para que todo saia ben».
A gastronomía non faltará, con degustación de troitas na Alameda de Góis o sábado. «É un dos momentos máis agardados», afirman os edís.














