A Coordinadora Galega ONGD e o Concello de Santiago volven darse a man para impulsar este venres na Casa das Máquinas, situada no barrio de Galeras, o evento Compostela co Sur Global, un encontro coa cidadanía no que as protagonistas serán as persoas implicadas nos proxectos e ONGD que acadaron a subvención municipal de cooperación ao desenvolvemento do pasado ano.
Así, voces galegas e dalgúns países do Sur Global nos que se desenvolven estes proxectos explicarán o impacto da cooperación nun contexto global cada vez máis complexo e falarán de dereitos fundamentais, igualdade e aprendizaxes compartidas.
Tres faladoiros
O evento estará dividido en dous grandes bloques. O primeiro estará dirixido a explicarlle á cidadanía que é a cooperación ao desenvolvemento a través de tres conversas. A primeira delas estará orientada a coñecer os dereitos fundamentais sobre os que traballan algúns dos proxectos apoiados polo Concello de Santiago, como o acceso á auga, a educación de calidade para nenos e nenas ou a soberanía alimentaria.
A segunda, incorporará a varias voces do Sur Global para falar en primeira persoa do impacto da cooperación para acabar abordando, na terceira e última conversa da tarde, as aprendizaxes que os proxectos de cooperación e a relación sostida no tempo coas socias nos diferentes países teñen aportado ás ONGD galegas.
Contacontos e cine
Tralos escoitadoiros e un espazo de encontro entre público e relatoras, a Casa das Máquinas ofrecerá actividades dirixidas a público de todas as idades. Comezarase ás 19:00 co espectáculo da compañía Bandullo Azul Historias dun mundo grande, que abordará a solidariedade e a cooperación a través dunha escolma de contos de diferentes culturas.
E para pechar a xornada, ás 20.00 haberá unha sesión de cine cunha selección sorpresa de curtametraxes, acompañada de pipocas de millo para todas as persoas que asistan. O evento é de acceso libre e ofrece a posibilidade de asistir a todas ou a parte das súas actividades, pero para facilitar a organización prégase a inscrición previa, dispoñible clicando aquí.
Escola de Activismos
Por outra banda, e en paralelo a estes encontros, Compostela máis Solidaria ofrece outra actividade: a Escola de Activismos, que este mes promoverá dúas citas divulgativas.
A primeira delas será o obradoiro Relatogramas: como debuxar as ideas, que terá lugar na Casa das Asociacións este sábado e será impartido pola artista compostelá Adela Vázquez.
Esta proposta, orientada a facilitar ferramentas para o desenvolvemento dun discurso propio ou para documentar a memoria, a historia e as reivindicacións, tanto persoais como colectivas a través do debuxo, é de balde e non require coñecementos previos. As persoas interesadas en participar precisarán inscribirse clicando aquí.
A Escola de Activismos pecharase cun encontro en liña coa organización internacional More in Common, que vén de publicar o informe Atlas de la polarización. A charla servirá para saber máis deste fenómeno, afondando en que consiste e poñendo o foco en como abordalo dende o terceiro sector ou a comunicación, entre outros ámbitos.
















