O concelleiro de Mar de Ribeira, Fernando Abraldes, e o director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín, revisaron os peiraos do municipio para avaliar as melloras a realizar para o desenvolvemento da actividade pesqueira a curto prazo.
Para iso, desprazáronse a Palmeira, Corrubedo, Aguiño, Castiñeiras e Ribeira. «Tras o tren de borrascas e chegado o bo tempo, establecemos unha folla de ruta para trasladar a Portos de Galicia as
medidas a tomar nas infraestruturas portuarias para seguir brindando uns espazos con garantía de seguridade e calidade para os nosos mariñeiros. Ribeira é mar e, como tal, o Concello ten un forte
compromiso para que os nosos portos estean en óptimas condicións», dixo o edil de Mar.
A mellora e incremento da iluminación supón a petición veciñal máis estendida. Por iso, cambiaranse seis luminarias por outras de tecnoloxía led en Corrubedo e catro en Castiñeiras, e colocaranse dez barras luminosas na parte traseira da lonxa vella de Ribeira, a carón do mar.
En Corrubedo tamén se reporá o rompeolas e colocarase unha varanda nunha das escaleiras e, en Castiñeiras, solucionaranse as humidades no teito das casetas dos mariñeiros. A maiores, asfaltarase unha área do porto de Aguiño e repoñeranse as pranchas necesarias na nave das redeiras, así como o arranxo dunha arqueta e a instalación de puntos de amarre en Ribeira.
No que respecta a Palmeira, farase tamén un mantemento xeral da infraestrutura.
Outros dos aspectos comprometidos por parte do ente autonómico é unha maior limpeza dos peiraos.













