O edificio do CEIP de Prácticas López Ferreiro, creado polo recoñecido arquitecto Fernando Moreno Barberá, cumpre 50 anos este curso.
A andaina deste centro, o máis antigo da cidade, iníciase co Real Decreto de 30 de marzo de 1849, cando se crean as Escolas Normais Superiores para a formación de mestres e mestras, que acabarían instalándose no Pazo de San Xerome. Posteriormente, pasou pola zona do Auditorio. Foi no curso 1975-76 cando se fixo o traslado ao inmoble situado na avenida de Xoán XXIII, inicialmente como escola só de nenos. «Nas plantas superiores ocupaban o espazo profesorado e estudantes de Maxisterio, xa que o seu edificio non estaba rematado», sinala a EL CORREO GALLEGO, Rosa Suárez Veiga, directora do López Ferreiro dende o curso pasado.
O edificio ten tamén entrada pola rúa Xasmíns, compartindo recursos coa Facultade de Ciencias da Educación. Segundo Suárez Veiga «o alumnado de prácticas ven aquí máis que a ningún outro centro e contan con nós para certas experiencias».
Para celebrar o 50 aniversario, baixo o lema Eu medrei no López Ferreiro, organízanse actividades nas semanas anteriores a Nadal, a Semana Santa e na última semana lectiva, «co fin de non interromper a marcha normal do centro». Convidan a antigos/as alumnos/as e antigas docentes a contar a súa experiencia e a súa situación actual.
En decembro estivo Aurora Marco, acompañada de Anxo Porto, ambos antigos docentes de Ciencias da Educación, que teñen publicada unha obra sobre a historia da escola entre 1849 e 1996 baixo o título de A escola normal de Santiago de Compostela: de Escola Normal Superior a Escola Universitaria (1849-1996). De aí que as actividades se dividan en dous ciclos: os primeiros 25 anos rematarán agora, e os seguintes desenvolveranse ata finais de curso.
Este mércores estiveron Helena Villar e Flor Peliquín, antigas docentes, acompañadas de Beatriz Varela, técnica do departamento de educación.
Cada encontro remata cunha actividade musical. Este venres estarán Ortiga e Xavi Cea, antigos alumnos do centro, e na última semana intervirá o grupo Ulex. Nesta actividade, aberta a todas as familias do alumnado, tamén estará Goretti Sanmartín que xa participou nunha actividade de aula. A actuación terán lugar nas pistas deportivas fronte á escola. «Inicialmente planeáranse dous pases no salón de actos de Ciencias da Educación pero será fóra ao estar bo tempo», indicou.
Suárez asegura que conseguiron contactar con moitas familias que foron alumnos e que agora traen os seus fillos e fillas ao centro. «O mércores estivo unha nai e unha filla, que tamén son nai e avoa, e agora veñen os netos, quen contaron a súa experiencia da evolución do centro tendo en conta que a nai foi dunha das primeiras nenas que accedía ao colexio», detalla.














