A área de Emprego e Formación da asociación Amicos, do Barbanza, continúa a medrar de maneira sostida no seu labor de apoio e acompañamento a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e laboral.
Ao longo de 2025, o Servizo de Orientación Laboral que a entidade desenvolve en colaboración coa Xunta de Galicia prestou atención a máis de 500 persoas con discapacidade, realizando unha media de 1.977 intervencións nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Estes datos manteñen a traxectoria ascendente dos últimos exercicios e tradúcense en máis de 110 insercións laborais conseguidas nos últimos meses. O obxectivo principal do servizo é mellorar a ocupabilidade das persoas en situación de desemprego, combinando accións formativas e itinerarios personalizados de orientación e un intenso traballo de prospección e mediación co tecido empresarial.
En base a estes resultados, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, renovou o Servizo de Orientación Laboral de Amicos para o período 2025/2026, o que permitie extender o seu alcance e reforzar a atención sociolaboral tanto na cidade da Coruña como na comarca do Salnés, ampliando así a cobertura da entidade na totalidade de ambas as provincias.
A colaboración coas empresas segue a ser unha peza clave do servizo. Luisa Vidal, delegada da ETT Nexo en Ribeira, subliñou que “a colaboración con Amicos sempre é un acerto. Os seus profesionais teñen unha visión moi afinada das demandas actuais das empresas e iso reflíctese na calidade do seu labor”.
Pola súa banda, Keltoi Cameán, coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, destacou que “esta última convocatoria supuxo a consolidación do servizo de orientación de Amicos. Agora comezamos unha nova etapa de crecemento dando soporte aos usuarios de Arousa e da Coruña para cubrir a totalidade das dúas provincias”.
Con esta ampliación territorial, o reforzo dos servizos e o incremento do número de insercións, Amicos continúa avanzando no seu compromiso de crear oportunidades reais de participación laboral para as persoas con discapacidade.













