O xurado do Concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña elixiu como finalistas ás bandas Carabela (Noia), Gloria Pavía (Santiago) e Cinta adhesiva.
A proposta gañadora darase a coñecer na gala final que terá lugar no Auditorio Afundación de Santiago o sábado 19 de outubro.
O xurado destacou que Carabela é “unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada”. Fundada en 2021, esta banda noiesa dálle unha nova volta ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.
De Gloria Pavía e Rafa Morales o xurado salientou a “utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora”, na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.
De Cinta adhesiva, banda formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, o xurado destacou a súa “proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras”.
O xurado estivo formado por Natividade González, deputada de Cultura da Deputación; Martiño Suárez (músico e xornalista); Faia Díaz (cantante); Teresa Cuíñas (xornalista musical); Noel Feáns (músico, produtor e responsable da plataforma de distribución A Regueifa); Rodri Míguez (xornalista musical); e Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.
O xurado salientou a escolla de tres propostas con protagonismo vocal feminino, “o que reflicte o rumbo actual da escena galega”.
O Concurso Fran Pérez Narf de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez Narf. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outras.