Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) organiza a viaxe Costa da Morte en familia para os días 14 e 15 de setembro dentro das actividades de promoción turística incluídas no convenio de colaboración con Turismo de Galicia. Nesta viaxe, convidará á familia da blogueira Olaya López a desfrutar de diferentes actividades de turismo familiar nos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica, Mazaricos e Ponteceso.
Baixo o cancelo #CostaDaMorteEnFamilia, promocionarase nas redes sociais o xeodestino como un territorio con moitas oportunidades no eido do turismo familiar.
Dentro das actividades propostas haberá visitas a entornos naturais, como a área recreativa de Gabenlle (A Laracha), a praia de Razo (Carballo) ou o roteiro por algunhas das fervenzas de Mazaricos. Tamén haberá actividades culturais, como a visita ao Ecomuseo Forno do Forte de Buño (Malpica), o Museo Etnolúdico de Galicia (Ponteceso) e a Festa da Pataca de Coristanco, unha celebración que rende homenaxe a un produto destacado pola súa excelencia.
Olaya López é unha blogueira que comparte as súas aventuras en familia a través da conta de Instagram @olayismo. Olaya, con máis de 37.000 seguidores, defínese como xornalista, amante da natureza, nai e creadora de contido.
Forma parte dunha asociación, Bolboretas no ceo, que axuda a familias en situación de duelo xestacional, perinatal e neonatal.
Xunto a seu marido Dani, seu fillo Nico e a súa cadeliña Amelie, percorre diferentes lugares de Galicia, amosando a gran riqueza desta parte do mundo. Esta iniciativa é posible grazas ao financiamento de Turismo de Galicia a través dun convenio de colaboración coa CMAT, que propiciou tamén o primeiro blogtrip protagonizado a finais de agosto por catro blogueiros especializados en viaxes (Leticia Pérez, de Trucos viajeros, Emma Sexto, de Un mundo infinito; Rafael Pérez, de Viajando el mapa; e Dani Keral) e que financiará o IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte, que se celebrará o día 12 de novembro.